CENTROS SOCIOCULTURAIS

Comeza a I Mostra de Clubs de Teatro Afeccionado dos centros socioculturais

04/06/2015 A rede de centros socioculturais quere facer visible e poñer en valor o traballo dos clubs de teatro que durante este curso participaron da programación regular de actividades. Con este fin, este sábado 6 de xuño, comeza a I Mostra de Clubs de Teatro Afeccionado, que se desenvolverá os sábados deste mes.

Doce clubs de teatro están a traballar neste curso 2014/15 a súas sesións formativas en centros socioculturais como Vite, Conxo, As Fontiñas, O Ensanche, Santa Marta, O Castiñeiriño, A Rocha ou Marrozos. Son sete infantís e cinco de adultos, que buscan achegar os participantes ás artes escénicas e ao teatro como ferramenta de relación, creatividade e desenvolvemento persoal, ademais de servir de base para animar o teatro afeccionado dende os centros socioculturais.

Durante sesións semanais conducidas por persoal especializado, dende outubro ata xuño, permiten que grupos de participantes se inicien e/ou perfeccionen en cada curso, con grupos dun máximo de 15 persoas.

Dez funcións no mes de xuño
Agora, na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta poderán amosar os seus traballos fronte ao público durante os catro sábados do mes de xuño, cun programa de dez representacións no marco desta I Mostra de Clubs de Teatro Afeccionado traballo, organizada pola Concellaría de Cultura no marco do programa Vive o verán.

O calendario teatral inclúe este primeiro sábado do mes a representación ás 12:30 horas da obra A frautista de Exipto, versión libre e creación colectiva dos nenos do Club de Teatro do CSC do Castiñeiriño baseada en O frautista de Hamelín, na que participan como actores 12 nenos e nenas.

Pola tarde, ás 19:00 horas, o Club de Teatro de Adultos do Centro Sociocultural das Fontiñas presentará a obra Confección en acción, na que 10 actrices e actores contan o traballo nun taller de confección no que un grupo de mulleres traballa en pésimas condicións. Ambos grupos están dirixidos polo profesor de teatro Roberto Casal Mouriño.

A Mostra de Clubs de Teatro dos centros socioculturais continuará os sábados 13, 20 e 27 de xuño con outros clubs, facendo visible o seu traballo máis aló do público dos seus propios centros grazas a este circuíto, con vontade de continuidade. Na Mostra participan 128 persoas pertencentes aos clubs de teatro dos CSC do Castiñeiriño, As Fontiñas, Vite, Santa Marta, Conxo, Marrozos e A Rocha.

A asistencia ás funcións é libre e de balde, suxeita unicamente á capacidade da Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta.

Documentos relacionados



Compartir: