CULTURA

Villanueva presenta o seu disco de debut, "Viajes de ida", dentro do Compostela Rock

03/06/2015 Viajes de ida foi a estrea discográfica de Villanueva e é o punto de encontro de moitos retais musicais tecidos cun finísimo fío condutor para conseguir un auténtico manto sonoro uniforme. Unha aposta por crear música para encher ocos nas vidas cotiás, sen complicacións. Un feixe de cancións para percorrer calquera rúa e facer fluír a imaxinación do que vai e do que vén. Poderemos escoitalo este xoves 4 de xuño, ás 21:00 horas, na Sede da SGAE, dentro do ciclo Compostela Rock.

Este primeiro traballo de Villanueva trasládanos a lugares onde todos estivemos algunha vez, cancións que falan sobre viaxar, coñecer xente, compartir experiencias e voar, voar moito. O músico vigués preséntanos a súa esencia despois dunha frenética actividade compoñendo e reconstruíndo con mimo o itinerario de cada un dos seus percorridos musicais man a man co produtor Ángel Luján.

Estamos ante un traballo fresco que contén as texturas necesarias para convertelo nun disco que co paso do tempo irremediablemente engancha, gañando en cada escoita.

Villanueva preséntase cunha banda que recolle unha testemuña chea de espazos sonoros, achegándose en certas pasaxes tanto ao rock máis elegante como ao pop máis ácido e descarado, sen perder nunca o papel de sobriedade que cospen os textos de cada canción.

As entradas teñen un prezo de 5 euros en anticipada e 7 euros o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, que está aberto de 18:00 a 21:00 horas, en entradas.abanca.com e no 902 434 443.

Compartir: