CULTURA

Teatro do Atlántico presenta "O principio de Arquímedes" no Teatro Principal

03/06/2015 Teatro do Atlántico presenta o premio Born de Teatro 2011, O principio de Arquímedes, dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Será este xoves 4 de xuño, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Ademais de co Bono, as entradas poderán mercarse soltas a un prezo de 10 euros no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Os pais duns alumnos de clases de natación infantil, preséntanlle queixas á directora do centro sobre o inadecuado comportamento dun monitor que abrazou e bicou a un cativo coa intención de tranquilizalo do susto provocado por ter que prescindir do "salvavidas". O conflito non deixa de medrar. Sobre a figura dun adestrador de natación con alumnos infantís, recae a sospeita, manifestada polos pais dos rapaces, de que puidera tratarse dun pederasta. A sospeita –provocada por un feito con tantos argumentos para que sexa fundada como para que sexa absolutamente infundada -,medra pouco a pouco e alimenta o medo, esa sombra negra que, polo que parece, xa se converteu en presenza inevitable na nosa sociedade. Isto é o que conta O principio de Arquímedes.

O autor, Josep María Miró, di a propósito da obra que "vivimos nunha sociedade que vende medo e seguridade ao mesmo tempo". Unha mestura diabólica que, se cadra, foinos enviada polos americanos, pois é materia que semellan controlar amplamente.

Teatro do Atlántico (Culleredo-A Coruña) constitúese no ano l985. Leva realizadas ata o momento 30 producións, entre as que podemos subliñar Xoana, de Manuel Lourenzo; Casa de bonecas, de Henrik Ibsen; A noite das Tríbades, de Olov Enquist; Amor de don Perlimplín con Belisa no Xardín, de García Lorca; Solo para Paquita, de Ernesto Caballero; O cerco de Leningrado, de Sanchis Sinisterra; Vanzetti, de Luís Araújo; Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure; O encoro, de Conor McPherson; A raíña da beleza de Leenane, de Martín McDonaghh; Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro; ou A charca inútil, de David Desola.

Compartir: