ALCALDÍA

O Programa Santiago Suma, que pon en marcha un novo catálogo de prestacións e medidas de inclusión social, entrará en vigor na segunda quincena de xuño

03/06/2015 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a ordenanza reguladora do Programa Santiago Suma, que recolle o contido dun novo plan integral que reforza as medidas de inclusión social adoptadas por outras administracións. Inclúese así o novo catálogo de prestacións e medidas, no cal figura, entre outras, a Renda de Solidariedade. Entrará en vigor unha vez transcorran os prazos establecidos na propia ordenanza e na lei Lei 7/85, de 2 de abril, é dicir, a comezos da segunda quincena.

O alcalde de Santiago en funcións, Agustín Hernández, repasou a nova ordenanza, que supón a reformulación do regulamento existente dende 2004, que tiña como principal medida contra a pobreza e as insercións as chamadas MAPIS (Medidas de Apoio para a Prevención e a Inclusión Social). Agora articúlanse novas medidas e recursos no marco dunha estratexia integral de inclusión activa cara a unha inserción laboral efectiva, do fin de que "ningunha familia da cidade careza dunha prestación para atender as necesidades básicas".

O plan garante non só o acceso a uns ingresos mínimos, senón tamén o acompañamento e o apoio profesional para adquirir novas capacidades e potenciar a responsabilidade individual na procura da superación. Esta nova estratexia plásmase neste Programa Santiago Suma de Inclusión Social Activa, e está conformado por catro piares básicos:

• A Renda da Solidariedade: destinada ás familias ou unidades de convivencia que non dispoñan de ingresos suficientes para facer fronte aos gastos básicos.
• Axudas para afrontar situacións de risco ou de emerxencia social, como a manutención ou a vivenda.
• Axudas para a prevención e a inserción social.
• O reforzo da coordinación coas entidades que traballan na cidade en materia de inclusión social.

Itinerario de Inclusión Activa
Estes catro piares estarán apuntalados dende a súa base por un programa individualizado para cada un dos beneficiarios destas axudas: o Itinerario de Inclusión Activa. Así, o obxectivo non é a permanencia nunha situación de dependencia crónica das prestacións públicas, senón resolver as situacións de vulnerabilidade detectadas por medio da rehabilitación persoal, a estruturación familiar, a prevención de situacións de risco e a motivación e orientación laboral. É por isto que todas as prestacións estarán vinculadas cun Itinerario de Inclusión Activa.

Este Itinerario marcarao o persoal da Concellería da Concellería de Servizos Sociais de xeito individualizado a cada un dos perceptores, cun conxunto de accións dirixidas á mellora da súa integración persoal, familiar, social e de orientación e formación profesionais.

Con motivo da entrada en vigor do Programa Santiago Suma, e para impulsar a súa posta en marcha, os servizos municipais reforzaranse con tres novos traballadores.

Renda de Solidariedade
A Renda de Solidariedade é unha axuda periódica de natureza económica dirixida á cobertura de necesidades básicas daquelas unidades de convivencia que non dispoñan de ingresos suficientes. Os límites de ingresos que a Renda poderá completar son os fixados para a RISGA pola Comunidade Autónoma, con contías máximas que van dende os 399,38 euros para unha soa persoa ata os 718,88 para unha familia de sete membros.

A Renda conta ademais cun complemento único de 133,13 euros para gastos de aloxamento -se fose o caso- aluguer ou hipoteca.

Esta é unha Renda de garantía de ingresos, para que ningunha familia de Compostela careza da cobertura básica das súas necesidades, e é compatible coa percepción dalgún tipo de ingreso sempre e cando este non superen o límite establecido para a Renda da Solidariedade. Deste xeito, pode complementar salarios baixos ou mesmo recursos procedentes doutras prestacións sociais. A única incompatibilidade é a RISGA, cuxos beneficiarios si poderán acollerse ás outras axudas do programa, pero non á Renda de Solidariedade.

Axudas para situacións de risco social
Outro eixe do programa son as axudas para afrontar situacións de risco social, destinadas a familias en situación de vulnerabilidade social que presentan dificultades para afrontar algún pago ou gasto básico. O catálogo inclúe axudas para manutención (equivalente ás actuais MAPIS, pero tamén varias novidades. Así, fronte ao importe único por unidade de convivencia existente ata agora, terase en conta o número de membros que a compoñen e a axuda poderá ir dende os 324,30 euros para unha persoa ata os 454,02 para unha familia de 3 ou máis membros.

O período máximo de concesión era de 6 meses e agora será de 12 meses. A axuda ten un espírito de recurso ponte á espera da resolución doutras prestacións económicas.

Aquí figuran igualmente as axudas por aloxamento, entre as que, por primeira vez, se inclúe a axuda para pago de hipotecas, ademais de aluguer ou pensión, cunha contía máxima a percibir de 194,58 euros ao mes durante 6 meses ao ano.

Tamén se establecen por primeira vez varios tipos de axudas: fianza, axuda para un contrato de nova vivenda ata un máximo de 324,30 euros; débedas subministracións de luz e auga ata un máximo de 291,87 euros; débedas de comunidade ata un máximo de 972,90 euros; débedas acumuladas de aloxamento (aluguer ou hipoteca) ata un máximo de 972,90 euros; e axudas técnicas de promoción de autonomía persoal para aquelas persoas en situación de dependencia ou con discapacidade ata un máximo de 648,60 euros. Finalmente, fíxanse axudas para equipamento básico de vivenda ata un máximo de 648,60 euros.

Axudas de prevención e inserción social
O terceiro eixe do catálogo son as axudas de prevención e inserción social, para o pago de actividades destinadas a fomentar a convivencia comunitaria, a prevención de situacións de risco social no colectivo infanto-xuvenil, ao apoio e fomento da autonomía persoal das persoas en situación de dependencia ou con discapacidade recoñecida e a favorecer proxectos formativos cun fin laboral. O importe máximo é de 64,86 euros/mes.

Establécense igualmente axudas para o pago de comedor escolar ata un máximo de 77,83 euros/mes.

Todas estas axudas son compatibles entre si e con outros ingresos da familia beneficiaria sempre e cando non se supere o límite de recursos establecido.

Subvencións nominativas
Finalmente, o cuarto eixe do programa son as subvencións nominativas a entidades sociais para o desenvolvemento de programas destinados á inclusión social dos colectivos que representan. Estas axudas, que xa tiveron un importante incremento nos orzamentos 2015, complementaranse con outras medidas, como a cesión de vivendas a varias entidades para o acollemento de persoas sen fogar en situacións concretas.

Máis de 1,5 millóns de euros
O orzamento destinado en 2015 a este programa de medidas sociais ascende a 1.556.000 euros, dos que 600.000 euros corresponden á Renda de Solidariedade, 500.000 euros ás axudas de risco social e inserción e 456.000 euros a convenios con entidades sociais.

Compartir: