CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia e o pianista serbio Ivo Pogorelich actúan este domingo no Kursaal de San Sebastián

05/06/2015 A Real Filharmonía de Galicia celebra este domingo, ás 19:00 horas, un concerto no Kursaal de San Sebastián. Levará a batuta o director titular da agrupación, Paul Daniel.

A actuación comezará co Concerto para piano de Robert Schumann (1810-1856). Na súa estrea en 1846 foi interpretado ao piano por Clara, a esposa do compositor. Representa a súa obra cumio e o tema básico do seu desenvolvemento é o sentimento de dúas persoas namoradas, o seu anhelo de felicidade y dita, así como a paixón que o inspira.

Na obra de Schumann, os músicos da RFG acompañarán o virtuoso pianista serbio Ivo Pogorelich. Naceu en Belgrado en 1958. Aos sete anos recibiu a súa primeira clase de piano e con doce trasladouse a Moscú para estudar piano na Escola Central de Música e posteriormente no Conservatorio Tchaikovsky. Recibiu numerosos galardóns ao longo da súa carreira; non obstante, foi o premio que non gañou o que o fixo mundialmente famoso. En 1980 presentouse ao Concurso Internacional Chopin de Varsovia, onde a súa eliminación na terceira volta desatou unha feroz controversia e atraeu a atención de todo o mundo musical cara ao pianista.

Dende o seu recital de debut no Carnegie Hall de Nova York en 1981, as súas actuacións causaron sensación en todas as grandes salas de concertos do mundo: Estados Unidos, Canadá, Europa, Xapón, Sudamérica e Israel. Foi invitado para tocar con orquestras como a Filharmónica de Berlín e a Filharmónica de Viena, todas as orquestras de Londres, a Sinfónica de Chicago, a Sinfónica de Boston, a Filharmónica de Nova York e a Orquestra de París. Ademais, ofrece concertos benéficos para apoiar organizacións humanitarias como a Cruz Vermella, causas como a reconstrución de Saraxevo ou para loitar contra enfermidades como o cancro ou a esclerose múltiple.

A Quinta de Beethoven
O concerto concluirá coa Sinfonía nº 5 do xenial Beethoven (1770-1827), unha marabillosa composición, cun clímax que medra sen cesar. É sen dúbida un dos referentes máis transcendentais e influentes, unha das composicións máis populares e interpretadas de toda a historia da música.

Esta sinfonía, e en particular o distintivo motivo co que comeza, son coñecidísimos mundialmente, aparecendo con frecuencia na cultura popular, con novas interpretacións como a música disco, o rock and roll e tamén con aparicións en películas e series de televisión.

Cando Beethoven a compuxo xa estaba chegando aos 40 anos, a súa vida persoal estaba marcada pola angustia que lle causaba o aumento de súa xordeira. Pese a estas circunstancias, entrara xa nun imparable proceso de furia creativa. Curiosamente, a súa estrea non tivo unha boa acollida, xa que se produciu en condicións adversas: a orquestra non tocou ben, só realizara un ensaio antes do concerto e, nunha das partes, debido ao erro dun dos músicos, Beethoven tivo que deter a execución e comezar de novo.

Compartir: