CULTURA

El Meister presenta o seu neofolk contemporáneo no ciclo Íntimo & Acústico

02/06/2015 El Meister é o alcume en solitario de Javier Vielba, vocalista de Arizona Baby e Corizonas, dous dos grupos máis emblemáticos e recoñecidos do actual panorama alternativo nacional. Por se o seu labor á fronte de ambas as dúas formacións non fose suficiente, o efervescente universo creativo de Javier Vielba necesita outras válvulas de escape aos seus variados proxectos musicais ou, como el gusta de chamalos, subculturais. E así, el en solitario estará en concerto este mércores 3 de xuño, na Sala Capitol, a partir das 21:30 horas, dentro do ciclo Íntimo & Acústico.

Cunha equipaxe mínima de guitarra, "autopercusión" e trebellos varios, El Meister ofrece algo máis. En realidade, El Meister móstranos o perfil máis próximo e sedutor de Javier Vielba, cun repertorio propio, alleo a Arizona Baby ou Corizonas, nunha simple pero magnética posta en escena onde o seu neofolk contemporáneo, humor e poder comunicativo garanten unha emocionante experiencia.

As entradas para o concerto teñen un prezo de 8 euros en venda anticipada e de 10 euros xa o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), ademais de en A Reixa Tenda e en salacapitol.com.

E tras el… Carmen Boza
Tras El Meister teremos dentro do ciclo Íntimo & Acústico a Carmen Boza, que nos presenta o seu novo traballo, La mansión de los espejos, o venres 12 de xuño no Salón Teatro.

Quen é Carmen Boza? Unha acabada de chegar? Si, pero non. Xa pasaron cinco anos dende que as cancións desta moza gaditana comezaron a correr por YouTube en forma de pequenas pílulas nas que apenas se albiscaban as súas mans e a súa guitarra. Dende daquela, un longo percorrido ata que chegou o primeiro disco financiado mediante crowfunding.

Compartir: