ECONOMÍA

A Cidade da Cultura acolleu a final do concurso Desafío SCQ

02/06/2015 A concelleira de Educación en funcións, Maite Cancelo, participou na Cidade da Cultura no acto final de Desafío SCQ, formando parte do xurado. Incluído no programa Santiago Investors Support, este concurso pretendía fomentar a cultura emprendedora entro os estudantes e xerar vínculos entre estes e empresas do Concello de Santiago.

O seis equipos finalistas presentaron en público os seus proxectos: Donatello e Santis Valley Team, do IES Xelmírez I; Rosofego, do IES de Sar; Enequipo, do IES Rosalía de Castro; Los emprendedores, do IES Eduardo Pondal; e Sportha, do grupo Premir. Os grupos estaban formados por catro ou cinco alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO, Bacharelato ou Formación Profesional de Santiago, titorizados por un docente do seu centro.

Aos equipos participantes remitíraselles un listado de posibles desafíos empresariais para que cada grupo escollera un deles e presentara unha solución ao mesmo. A organización do concurso escolleu entre todos os seis grupos finalistas, que realizaron a presentación pública dos seus proxectos na Cidade da Cultura.

Un xurado composto por representantes das concellerías de Educación e de Economía e entidades empresariais de Santiago de Compostela escolleu a proposta gañadora en cada unha das tres categorías do Concurso: Solución máis innovadora, Solución máis social e Solución mellor presentada.

Os membros dos grupos gañadores foron premiados cunha tableta dixital cada un, e o centro educativo ao que están vencellados, cun ordenador portátil.

Compartir: