TURISMO

As Cidades Patrimonio promocionaron a súa oferta gastronómica en Madrid

02/06/2015 As Cidades Patrimonio da Humanidade de España amosaron a súa rica oferta gastronómica este martes en Madrid. Baixo o título, Os Piares do Gusto, este evento -organizado pola Comisión de Turismo do Grupo- deu a coñecer a arte culinaria destes enclaves poñéndoa en relación coa súa entidade histórica e monumental. A concelleira de Turismo en funcións, Reyes Leis, participou neste acto xunto cos edís de Turismo das outras 14 cidades Patrimonio.

As 15 localidades incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO uniron esforzos para promocionar o seu inmenso acervo culinario nunha actividade gourmet, celebrada no Palacio de Cibeles de Madrid, á que asistiron medios de comunicación especializados en gastronomía, viaxes e ocio. Recoñecidos cociñeiros exerceron de embaixadores gastronómicos de cada unha das cidades, presentando as súas especialidades en formato de tapas, incluíndo aperitivos, pratos e sobremesas, ademais de conversar coa audiencia sobre os feitos culinarios diferenciais de cada localidade. A representante de Santiago de Compostela foi a cociñeira Lucía Freitas, de A Tafona.

Os Piares do Gusto puxo en relación a potente entidade histórica e monumental das cidades españolas Patrimonio da Humanidade coa súa dimensión gastronómica, igualmente característica, substancia e referencia indispensable da propia herdanza cultural da que fan gala.

Compartir: