CONSORCIO

O 15 de xuño remata o prazo de inscrición no curso de Especialización Instrumental da Escola de Altos Estudos Musicais

01/06/2015 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) organiza unha nova edición do Curso de Especialización Instrumental 2015-2016. Esta iniciativa diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que desexen perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión.

As solicitudes deberán presentarse ata o 15 de xuño a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os interesados terán que xuntar unha fotocopia do seu documento nacional de identidade; o seu currículo, indicando o curso que están a realizar na actualidade; así como a relación de obras que cada un vai interpretar nas probas de selección. Darase prioridade aos aspirantes que non tivesen realizado estudos noutras edicións do Curso de Especialización Instrumental.

Probas e criterios de selección
As probas de selección das diferentes especialidades terán lugar os días 25, 26 e 27 de xuño na sede da Escola de Altos Estudos Musicais. O centro disporá de pianistas acompañantes para quen o solicite no boletín de inscrición. Aqueles candidatos que non consigan praza pasarán a integrar unha lista de espera.

O curso académico comeza no mes de outubro de 2015 e remata en xuño de 2016. Búscase o perfeccionamento instrumental da especialidade elixida, a través de 15 horas de clase individual repartidas ao longo do curso. Ademais, durante o ano organizaranse diferentes actividades de práctica de conxunto, co que os participantes terán a oportunidade de ofrecer concertos públicos. Os alumnos recibirán un diploma acreditativo dos seus estudos.

Compartir: