ALCALDÍA

A oceanógrafa Ángeles Alvariño súmase á nómina de científicos galegos homenaxeados no Parque das Ciencias

01/06/2015 O alcalde de Santiago en funcións, Agustín Hernández, participou no acto de descubrimento da placa en homenaxe a Ángeles Alvariño González, con motivo da celebración do Día da Ciencia en Galicia. O distintivo colocouse no Parque das Ciencias, sumándose así a outros científicos galegos aos que se recorda nos bancos deste espazo.

Hernández definiu a Ángeles Alvariño como "unha desas mulleres que ten contribuído á redención do papel das mulleres na nosa sociedade, xunto a figuras claves no noso país como Concepción Arenal, Juana de Vega, Pardo Bazán ou Rosalía de Castro, que dende o século XIX se converteron en pioneiras dunha igualdade real". O feito de dedicar este Día da Ciencia en Galicia a esta científica, dixo, "é unha mostra máis dese recoñecemento ao poñer en valor a achega dunha muller excepcional, nun campo como o da ciencia que ata hai relativamente poucos anos parecía vedado á participación da muller".

Indicou que a homenaxeada foi "unha verdadeira autoridade mundial no estudo da vida nos océanos", destacando "un currículo tan extenso como o é aínda o descoñecemento da súa figura entre a maioría da poboación galega".

O alcalde en funcións repasou brevemente a biografía desta ferrolá de Serantes -como o fillo adoptivo de Compostela Torrente Ballester- cuxa formación inicial estivo ligada a Santiago, onde fixo o Bacharelato universitario. Arredor da década dos 50 do pasado século comezou a destacar na investigación dende o Instituto Español de Oceanografía, con bolsas en Inglaterra e Estados Unidos, onde continuaría o seu labor en centros de California, mesmo ata despois da xubilación.

A súa participación nunha trintena de reunións internacionais, a autoría de un centenar de artigos en revistas especializadas, a descrición de 22 novas especies no plancto mariño das que dúas levan o seu propio apelido, ao igual que un barco investigador español que dende 2012 leva o seu nome, dan unha idea da súa autoridade e influencia na oceanografía mundial.

"Para o Concello de Santiago – apuntou Hernández- é unha honra lembrar a figura de Ángeles Alvariño neste Parque das Ciencias, como a primeira muller científica, á beira de referentes da ciencia galega como Enrique Vidal Abascal, Isidro Parga Pondal, Cruz Gallástegui, Ramón Aller, Antonio Casares, o Padre Feijóo e Luís Iglesias, que teñen aquí as súas placas conmemorativas desde 2008". Deste xeito, concluíu, "iníciase unha presenza feminina que, sen dúbida, como no conxunto da sociedade, irá adquirindo co paso do tempo unha maior participación no camiño da plena igualdade".

Parque das Ciencias
A Real Academia Galega de Ciencias comezou a celebrar no ano 2008 o Día da Ciencia en Galicia. Todos os científicos homenaxeados ata o momento e os que o sexan en futuras edicións son recordados no Parque das Ciencias cunha placa nos bancos deste xardín, situado en San Roque.

Este parque conta ademais cunha escultura central, obra de Óscar Aldonza en colaboración co ferreiro e artesán Santiago Martínez "Chago". Trátase dunha esfera de ferro que se ergue sobre un piar de pedra no medio das árbores e que representa o sistema solar, o noso fogar dentro da galaxia da Vía Láctea que os peregrinos medievais chamaban "Camiño de Santiago" porque era como un gran sendeiro de estrelas debuxado no ceo e que indicaba nas noites claras a dirección que debían seguir para chegar a Compostela.

Compartir: