NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A segunda edición do Concurso de Cartas de Reis anima os máis pequenos a converterse en "estrelas do galego"

10/12/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, presentou a segunda edición do Concurso de Cartas de Reis, destinado a promover o uso da lingua galega nestas datas de Nadal. Todos os que envíen as súas misivas recibirán a contestación das Súas Maxestades e un agasallo. As tres máis orixinais terán premio.

Os propios Reis Magos motivan os rapaces para que na súa carta formulen os seus desexos para o idioma. Neste sentido, lémbranlles aos nenos e nenas que "cada carta que recibamos vai ser como unha estreliña que se acenda para alumear o futuro do idioma", animándoos a "usalo un pouquiño máis cada día" e a converterse en "estrelas do galego".

A través de todos os centros educativos, rapaces e rapazas recibirán un folleto coas bases do concurso e unha carta asinada polos Reis Magos. As Súas Maxestades propoñen aos nenos que na súa carta inclúan os desexos para a lingua. Non hai límite nin para o formato nin para a creatividade das misivas.

En cada colexio haberá caixas de correo nas que os nenos deberán depositar as súas cartas antes do 20 de decembro. Unha vez rematadas as clases, aínda teñen ata o día 31 de decembro para deixar as súas cartas nas caixas de correos situadas na Casa do Concello, na Biblioteca Ánxel Casal, no Multiúsos Fontes do Sar e nos centros socioculturais das Fontiñas e do Ensanche.

As tres mellores cartas en cada un dos tramos de idade (menores de 6 anos, entre 6 e 7 anos e máis de 8 anos) recibirán, respectivamente, un lote de libros ou unha tablet. Os propios Reis Magos entregaranlles os agasallos aos gañadores o día da tradicional cabalgata, na tarde do 5 de xaneiro.

A concelleira recalcou a importancia de que todos os rapaces indique os seus datos correctamente na carta. Así, recibirán unha contestación dos Magos, na que se invita a utilizar a lingua todo o ano. E con cada carta de resposta irá agasallo. Na primeira edición do Concurso recibíranse 400 cartas.

Compartir: