ECONOMÍA

O proxecto Vitamína-T fomentará o espírito emprendedor entre os mozos universitarios

01/10/2013 A concelleira de Economía, Reyes Leis, presentou o proxecto Vitamína-T, acompañada do director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, e a presidenta do Club de Emprendedores da Universidade de Santiago Emprende MAS, Noela Mera.

O proxecto Vitamína-T, organizado pola Asociación Club Emprende MAS grazas ó programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, consiste na realización dunha serie de actividades encamiñadas a dotar aos mozos e mozas da motivación e das habilidades precisas de cara ao seu futuro. O obxectivo final é promover actitudes innovadoras e proactivas. O proxecto está integrado por 4 fases:

Fase 1: Toma de contacto (luns 30 setembro – xoves 10 outubro)
Consiste en diferente charlas e presentacións nas facultades do campus de Santiago para dar a coñecer a asociación e o proxecto. O eixo central desta fase é unha macrocharla que terá lugar o mércores 9 de outubro, ás 12:00 horas, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a cal estará amenizada polo monologuista Álex Pardo.

Fase 2: Design Competition (1 outubro – 13 outubro)
Nesta fase, os mozos interesados deberán inscribirse no proxecto a través da intranet do proxecto e superar un reto emprendedor empregando a súa creatividade e imaxinación.

Fase 3: Design Thinking (14 outubro – 20 outubro)
Unha vez superado o Design Competition comeza esta fase, na que un profesional fará una dinámica de "Pensamento de deseño". O devandito workshop é unha metodoloxía aplicable a calquera ámbito que requira un enfoque creativo baseado nos principios de empatía, imaxinación, experimentación, prototipado colaborativo, pensamento integrador e aprendizaxe interactivo.

Fase 4: Posta en común (26 outubro)
Consiste na posta en común do aprendido durante as diversas fases anteriores, na exposición dun vídeo resumo das mesmas e na realización dun networking. Búscase pór en contacto aos mozos cos emprendedores, empresarios e representantes de institucións a fin de que poidan xerar sinerxias entre eles.

Compartir: