Sitúase na praza do Obradoiro, xusto fronte á catedral, e na actualidade é sede do Concello de Santiago e do Goberno autonómico.

Responde ao estilo neoclásico francés. A súa fachada principal estrutúrase segundo un esquema simétrico ordenado a través dun frontón central triangular e dous frontóns semicirculares laterais que descansan sobre columnas xónicas. O frontón central posúe un relevo no que se representa a batalla de Clavixo e que cobre o tímpano sobre o que se asenta a figura de Santiago o Matamouros, esculpida por Xosé Ferreiro.

O edificio foi obra dun enxeñeiro francés do século XVIII e a súa construción débese a un encargo do arcebispo de Compostela Bartolomeu Raxoi e Losada. Na orixe, o edificio destinouse a cárcere e concello ademais de albergar os nenos do coro da catedral, os acólitos e os sacerdotes.

A situación deste pazo, veciño do Hostal dos Reis Católicos –antigo Hospital Real– xerou, nos anos da súa creación, non poucas polémicas e litixios. O administrador do Hospital Real por aquel entón opúxose á construción deste edificio argumentando que privaba de ventilación e luz natural ao hospital, ademais de impedir que tivese unha ampla zona para a saída e entrada dos doentes.
Compartir: