Xosé A. Sánchez Bugallo
Nado na localidade coruñesa de Teixeiro o 31 de xaneiro de 1954, chegou a Santiago en 1961, e en 1983 comezou a súa vida política como xefe de gabinete de Xerardo Estévez. Durante once anos, entre 1987 e 1998, foi concelleiro socialista á fronte de Deportes, Relacións Veciñais, Tráfico e Seguridade Cidadá, Persoal e Réxime Interior e Facenda, entre outras áreas; asumindo tamén, durante un período de tempo, a portavocía municipal. De 1991 a 1999 foi deputado provincial, levando, entre 1991 e 1995, as áreas de Persoal e Réxime Interior.
Accedeu á Alcaldía de Santiago en 1998, despois da renuncia de Xerardo Estévez. As eleccións municipais de 1999, 2003 e 2007 levárono a gobernar Compostela durante tres lexislaturas consecutivas. Presentouse ás eleccións autonómicas en 2012 polo PSdeG-PSOE, obtendo un escano e pasando a ser, ata 2016, deputado no Parlamento de Galicia. Como parlamentario presidiu a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos; e foi portavoz da Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda.