María Begoña Rodríguez Rodríguez
María Begoña Rodríguez Rodríguez
Concelleira de Medio Rural
Nada en Ourense en 1963. Licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela, é funcionaria do corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia dende 1994, na que exerceu funcións en distintas consellerías: Medio Rural, Medio Ambiente e Presidencia (Protección Civil). Actualmente presta servizo como xefa de sección da Calidade dos Solos da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda.
Medio Rural
A acción no medio rural baséase na idea da recuperación do agro como valor engadido para a cidade. Para iso poténciase a integración administrativa e social do agro na vida do concello e a posta en valor do rural como fronte de riqueza, así como a reinversión do concello no mundo rural para axeitar os servizos ós estándares urbanos, e axeitar a presión fiscal aos servicios reais.

Este Departamento asesora á poboación rural e intermedia fronte a empresas e administración e pretende tamén a posta en valor dos elementos arquitectónicos e naturais do rural e a promoción entre a poboación urbana e os turistas: muíños, cruceiros, sendas verdes, carballeiras, etc. Outra das liñas estratéxicas é a mellora das comunicacións e dos servizos das parroquias compostelás.
Relacións Veciñais
O Concello quere dar resposta á transversalidade que en esencia ten a democracia participativa. Entre as funcións deste departamento está velar polo correcto funcionamento das canles de participación establecidas regulamentariamente e polas axeitadas relacións entre os órganos de participación cidadá e o Concello.

Trata de garantir a participación e a decisión da veciñanza na xestión dos asuntos do Concello, dende un enfoque de equidade, solidariedade, cooperación e inclusión social. Así, canaliza as peticións e consultas da cidadanía e dos colectivos e entidades, rexistrando as súas peticións, queixas, suxestións, iniciativas e propostas, realizando igualmente os trámites administrativos necesarios. É o departamento encargado de habilitar as diversas fórmulas para dinamizar a participación da cidadanía.


Compartir: