Rubén Prol Mariño
Rubén Prol Mariño
Concelleiro responsable de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas.
Graduado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente rematou o Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria, especialidade en Ciencias Sociais, na mesma universidade. É membro de Xuventudes Socialistas de Galicia, onde foi secretario de educación entre os anos 2014 e 2019. Actualmente é secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Compostela.
Educación
Partindo da concepción dunha educación pública de calidade, laica, promotora da igualdade, participativa, inclusiva, galega e cooperativa, enténdese a materia dun xeito amplo, sen restrinxila a un departamento, senón facendo que esta presente en todas as rúas, parques, dependencias, municipais, parroquias...

O Concello traballa neste eido planificando, facendo prospección educativa, conservando e mellorando a calidade dos centros escolares, garantindo a escolarización plena, o equipamento e os recursos didácticos das escolas municipais, colaborando na programación de novas necesidades, promovendo o desenvolvemento dos servizos educativos complementarios, as funcións socioformativas, as compensadoras, combatendo a desigualdade, a pobreza e a exclusión tamén dende a educación, a aprendizaxe e o goce da música e a danza, a función orientadora, a extraescolar, o lecer formativo ou a alfabetización audiovisual, entre outras.

Búscase facer dos centros escolares auténticos espazos de encontro e participación educativa complementarios da actividade lectiva, con programas educativos, culturais, deportivos e sociais, deseñados e programados pola cidadanía e a comunidade educativa. Promóvese a participación do profesorado, dos pais e as nais, do alumnado, do persoal non docente e a propia administración municipal nos consellos escolares, achegando os centros ao concello e viceversa e velando polo cumprimento dos dereitos de todos os sectores da comunidade educativa. representados e activos no Consello escolar municipal.

Desenvolve as súas actividades exercendo as distintas competencias que a lexislación estatal e autonómica lle asignan aos concellos no eido da educación, entre os que se atopan: o mantemento, conservación e reparación dos edificios e equipamentos escolares públicos de educación infantil e primaria, o que supón facerse cargo dos consumos de auga, teléfono, calefacción e electricidade; limpeza diaria e saneamento; conserxería e vixilancia dos centros e labores de reparación e melloras nas instalacións (carpintería, albanelería, electricidade, etc.).

A Concellería tamén se implica de forma efectiva na conciliación da vida laboral e familiar mediante o desenvolvemento de programas de actividades complementarias fóra de horario lectivo, e promove actividades extraescolares fóra de horario lectivo, durante os fins de semana e en períodos vacacionais, co obxecto de facilitar esta conciliación.
Mocidade
Este departamento canaliza a política municipal en materia de xuventude, promovendo medidas que abranguen no só a cuestións económicas e de emprego, senón tamén de promoción dunha maior participación da mocidade na adopción das políticas que lles afectan. Ten como eixes de traballo a promoción do emprego xuvenil, o asesoramento e orientación laboral e o acceso á vivenda, así como a promoción do asociacionismo xuvenil e a dinamización sociocultural da xente nova.

Desenvolve iniciativas propias dirixidas á xuventude, así como das que xorden dos propios colectivos cun labor de apoio e asesoría técnica, ou establecendo as correspondentes liñas de axuda. As actividades formativas, as novas tecnoloxías, as melloras fiscais, a información, o deporte ou os intercambios culturais son un importante eixe das posibilidades, demandas e ofertas para a mocidade de Santiago.
Igualdade
O Concello promove a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, un dereito básico recollido en diferentes normas e leis. Dende este departamento trabállase por unha intervención pública e cidadá sistemática e integral que remova os obstáculos e evite a discriminación por razón de sexo, cunhas políticas que garantan a igualdade real entre mulleres e homes, a igualdade de responsabilidades e dereitos. As políticas de xénero impregnan toda a acción municipal, con propostas en todos os ámbitos ao tempo que se aplican medidas específicas destinadas á mellora da situación das mulleres.
Lingua
O Concello de Santiago está comprometido coa evolución sociolingüística en positivo da lingua galega e co feito de garantir que o noso idioma sexa transmitido ás novas xeracións. A través de medidas xerais e transversais, aposta por políticas que fomenten o plurilingüísmo e o coñecemento de novas linguas, sempre a partir de que o galego é unha riqueza e unha valía.

Dende este departamento trabállase para revitalizar a lingua galega en Compostela, promovendo os instrumentos e medios necesarios para a adquisición dunha competencia lingüística axeitada, de tal xeito que as autoridades, empregados públicos e cidadáns tomen conciencia da importancia do galego e da súa capacidade e riqueza cultural. Entre os obxectivos do Concello está fomentar a normalización lingüística nun sentido transversal en todas as políticas do goberno compostelán, apostando polo galego como lingua de cohesión social.

O Servizo de Normalización Lingüística planifica, xestiona e executa as accións e medidas axeitadas para o fomento do uso e prestixio en todos os ámbitos sociais e da vida municipal. Ademais de atender á resolución de problemas lingüísticos na propia administración, é un servizo aberto á cidadanía e a colectivos, entidades asociativas, empresas e centros de ensino. Incide tamén na creación de novos espazos de uso do noso idioma de interese para a infancia e a mocidade, potenciando os programas que xa existen e abrindo novas posibilidades con base nas redes existentes na cidade equipas de normalización, asociacións, centros socioculturais, oferta de actividades para a mocidade, Universidade...


Compartir: