María Esther Pedrosa Carrete
María Esther Pedrosa Carrete
Concelleira de Deportes e Benestar Animal, con competencias en Deporte e Fundación Refuxio de Animais.
É técnica do Servizo de Deportes da Universidade de Santiago de Compostela; e unha apaixonada do atletismo, que practica a nivel profesional. É campioa do mundo de cross, subcampioa do mundo de 1.500 e ten catro mellores marcas de España; todo na categoría máster, na que compite. No VIII Campionato do Mundo Máster, en Polonia, acadou a medalla de prata na proba de cross, e nos 3.000 metros en pista cuberta. .
Deportes
A acción do Concello neste ámbito baséase na idea do deporte como saúde, e como xeito de socialización dos cidadáns e das cidadás do municipio. Trátase de promover un movemento de saúde asociado á práctica deportiva en todos os seus ámbitos, dende o profesional, que fomenta nos cidadáns e cidadás un sentimento de identificación e que é un exemplo positivo para animar a máis persoas a practicar deporte, e por suposto o deporte amador, aquel co que se busca saúde e benestar e en xeral.

En particular, préstase especial atención a favorecer a práctica deportiva a persoas que o teñen máis difícil actualmente: o deporte feminino, o deporte de persoas con discapacidade e de persoas maiores e o deporte de base. Poténcianse igualmente os deportes minoritarios, para que haxa un abano maior de modalidades deportivas no concello.

No ámbito das infraestruturas deportivas, apóstase pola optimización das instalacións existentes, con accións de rehabilitación, modernización e mantemento, así como pola creación de novos espazos.
Benestar Animal
O Concello promove medidas que melloren a situacións dos animais no municipio, apostando polo animalismo coma unha nova forma de facer activismo, contando coa colaboración da cidadanía e das asociacións de defensa dos dereitos animais da cidade.

Fomenta igualmente un novo xeito de integrar aos animais na sociedade, comezando con campañas de concienciación para posteriormente afrontar a integración dos animais na vida e nos espazos públicos dun xeito semellante ao que sucede nos países máis avanzados nas que os animais entran con naturalidade en espazos actualmente vetados.

No ámbito da competencia deste Departamento está o Refuxio de Animais e medidas de índole sanitaria como as campañas de desratización.


Compartir: