Promoción Económica, Emprego e Comercio
A promoción económica da cidade enténdese coma o resultado dun modelo de cidade a construír e dunha imaxe de cidade a transmitir, apostando por un modelo de desenvolvemento local endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia do territorio. Trabállase pola dinamización económica dos barrios e do rural.

O emprego é outro dos eixes de traballo deste Departamento, adaptando o máximo posible as políticas autonómicas de atención ás persoas desempregadas á realidade do concello, e impulsando programas de intermediación laboral que teñan en conta as necesidades especiais dos demandantes de emprego con diversidade funcional ou en risco de exclusión social.

Dende esta área xestiónase a Axencia Local de Colocación, que xoga un papel fundamental nesta intermediación coas persoas desempregadas, pero tamén no eido da formación, realizando cursos de formación ocupacional, escolas-obradoiro, obradoiros de emprego, medindo de forma continua a súa eficacia, e orientándoos aos sectores e actividades estratéxicos.

O emprendemento é outra das liñas de acción desta área, fomentando a formación e creando as condicións axeitadas para o nacemento de proxectos colectivos, cooperativos e competitivos.

En materia de comercio, promóvese e apóiase o comercio de barrio, fomentando o asentamento de empresas de servizos, a creación de cooperativas e da difusión de produtos turísticos na zona rural. Impúlsase a actividade comercial, suxerindo iniciativas comerciais innovadoras e alternativas para o comercio tradicional, a través de proxectos colectivos e coordinando as campañas de dinamización comercial coas campañas turísticas, culturais e de festividades da cidade.


Compartir: