TURISMO
Renfe e Iberia ofertan prezos especiais para asistir en Santiago ao festival WOS
A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a responsable de comunicación do WOS Festival, Ánxela Baltar, presentaron no Pazo de Raxoi os prezos especiais que ofertan Renfe e Iberia para as persoas que asistan ao evento, que se celebrará en Santiago do 7 ao 11 de setembro. Turismo de Santiago colaborou coa organización do WOS na consecución destes descontos.
BENESTAR ANIMAL
O Concello instala sinais para advertir aos condutores da presenza de colonias felinas
A Concellaría de Benestar Animal vén de instalar uns sinais para pedirlles precaución aos condutores en zonas nas que é frecuente o paso de animais, máis en concreto de gatos e de parrulos. Estes novos elementos foron colocados en puntos da cidade nos que existen colonias felinas, e tamén no contorno do Auditorio de Galicia.
ESPAZOS CIDADÁNS E MOBILIDADE
Comezan as obras da fase III de Vista Alegre
Esta mañá comezaron as obras da fase III de Vista Alegre, que permitirán rebaixar as cotas da calzada nas rúas Bispo Diego Peláez e Santa Comba. Tal e como adiantara o concelleiro de Espazos Cidadáns, os traballos vanse desenvolver de forma simultánea, con dous equipos de obra diferentes.
EDUCACIÓN E CIDADANÍA
A Xunta de Goberno aproba os prezos dos servizos de comedor e de madrugadores
A Xunta de Goberno aprobou hoxe os prezos públicos dos servizos de comedor e de madrugadores na Rede de Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria, para o curso 2016-2017. O prezo que deberán pagar os usuarios polo xantar queda fixado en 4,50 euros, IVE engadido, mentres que o do almorzo será de 1,93 euros, tamén con IVE engadido.