ALCALDÍA
Recepción aos participantes no I Congreso Internacional de Medicina e Cirurxía da USC
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu os participantes no I Congreso Internacional de Medicina e Cirurxía, organizado pola asociación MEIGA (MEdicina Intercambios Galicia) na Facultade de Medicina. A deste mércores foi a última xornada do encontro, no que participaron máis de 250 congresistas.
ACCIÓN CULTURAL
Un recital poético-musical conmemora o 160º aniversario do Banquete de Conxo
A escalinata do pavillón central do Hospital Psiquiátrico de Conxo acollerá o vindeiro venres 18 de marzo, ás 19:30 horas, un recital poético-musical co que se conmemorará o Banquete de Conxo. Ese mesmo día, o CSC Aurelio Aguirre acollerá dous obradoiros didácticos sobre poesía.
ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS
O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitan as dependencias de Cruz Vermella
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, acudiron á sede de Cruz Vermella para coñecer os programas de traballo que desenvolven dende a entidade. A delegada territorial de Cruz Vermella e presidenta en Santiago, Mercedes Casanovas, agradeceu a presenza do rexedor e a concelleira e achegoulle as demandas de cara a este 2016.
MEDIO AMBIENTE
A Concellaría de Medio Ambiente celebra o Día da Árbore con roteiros guiados polos parques de Santiago de Compostela
A Concellaría de Medio Ambiente preparou un programa de roteiros guiados polos parques de Santiago para celebrar o Día da Árbore. Haberá visitas para o público en xeral e para os centros de ensino, en colaboración co Museo de Historia Natural e o CIAC acollerá actividades de divulgación para o público familiar. En Compostela hai preto de 23.000 árbores en zonas verdes e 7.200 en alcorques.
ESPAZOS CIDADÁNS
Avanza o proceso de revisión do Plan Especial
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, presidiu este mércores unha nova xuntanza no marco do proceso de revisión do Plan Especial da Cidade Histórica. A reunión serviu para analizar inicialmente o documento de información urbanística e diagnose da zona vella, no que se recollen os seus usos e se analiza o estado actual de instalacións e edificacións.
EDUCACIÓN E CIDADANÍA
O grupo de escolares do IES Eduardo Pondal gañador do concurso Aula de Patrimonio foi recibido no Concello de Salamanca
O grupo de escolares do IES Eduardo Pondal que gañou en Santiago o concurso do programa Aula de Patrimonio, organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, foi recibido no Concello de Salamanca, como parte das actividades que os mozos e mozas teñen previstas ata este 17 de marzo.