OBRAS E BRIGADA

Iníciase o plan de actuacións urxentes nas vías públicas, aberto ás solicitudes cidadás

15/04/2013 Os concelleiros de Obras e Infraestruturas, María Pardo, e da Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente presentaron o plan de actuacións urxentes para eliminar fochancas e acondicionar as vías públicas e beirarrúas da cidade. Ademais, anunciaron a posta a disposición dos cidadáns de varias vías para a realizar solicitudes nesta materia.

Aqueles cidadáns que teñan coñecemento de fochancas ou outros danos poden poñelo en coñecemento do Concello a través do teléfono 981 528 722, do fax 981 528 725 ou desta web municipal, dende o apartado de comunicación de incidencias de Contacto co Concello. A Brigada de Vías e Obras intentará facer fronte a estas solicitudes, coordinándoas co plan de actuacións previsto por barrios.

María Pardo lembrou o importante deterioro causado nas vías públicas polas intensas choivas dos últimos meses. Foi esta mesma causa climática a que impediu que estas tarefas comezaran antes xa que, de inicialas nesas condicións de chuvias e humidade, non habería unha garantía mínima de calidade e duración.

Mellorado o clima, catro brigadas, compostas por catro operarios cada unha, xa están traballando na eliminación de fochancas, segundo anunciou Juan de la Fuente. As brigadas comezaron polos barrios de Sar, Meixonfrío e Vista Alegre e seguirán logo por todos os demais barrios. A previsión do concelleiro é que, nesta mesma semana poida estar completado en torno ao 70% dos traballos. Cando se execute a totalidade do plan de actuación, realizarase unha valoración do mesmo en rolda de prensa.

O edil comunicou igualmente o inicio dos traballos de desbroce en barrios e parroquias. Os labores comezaran o venres da semana pasada, pero unha avaría nunha máquina obrigou a pospoñelos ata esta semana.

Concluídos estes traballos urxentes de reparación das vías públicas dos diferentes barrios, a Brigada de Vías e Obras desprazarase ao Campus. Ademais, dixo, iniciarase o contacto coas diferentes asociacións veciñais para elaborar de acordo con elas e as súas demandas un plan de obras nos barrios semellante ao realizado en 2012, grazas ao cal se investiran 800.000 euros en obras en 17 barrios.

Compartir: