CONSORCIO

En marcha a primeira fase do proxecto do Centro Nacional de Formación en materia de Rehabilitación da Fundación Laboral

24/08/2012 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Ángel Currás, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, asinaron un convenio de colaboración para a recuperación da antiga curtidoiro de Pontedriña, que albergará o Centro Nacional de Formación en materia de Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción.

O acordo, permitirá a realización dunha serie de obras e equipamentos nas infraestruturas que están comprendidas dentro do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. A propósito desta intervención, o conselleiro destacou, por un lado, o papel do centro como institución formadora de traballadores cualificados e de futuros formadores nesta materia; e por outro, o alto valor patrimonial, arquitectónico e etnográfico desta fábrica de curtidos que data do século XVIII.

O alcalde agradeceu á Consellería a achega económica para este equipamento, que será "un centro pioneiro para a formación de traballadores". Lembrou que xa está en marcha a primeira das seis fases deste proxecto, na que se investirá un millón de euros (600.000 en 2012 e 400.000 en 2013). Esta fase está xa licitada e en poucos días rematará a recepción de propostas. Ángel Currás estimou a apertura do Centro para o curso 2014-2015.

Achega do patrimonio á sociedade
Neste proxecto investiranse en total máis de 4,5 millóns de euros, dos que a Consellería achegará un millón de euros. Con esta achega, o Departamento autonómico financiará obras nas cubertas da edificación existente, o que permitirá evitar o progresivo deterioro e garantindo a súa estabilidade e conservación. Ademais, realizaranse os traballos de instalacións xerais e infraestruturas para a entrada en funcionamento das superficies acondicionadas, obras indispensables para garantir a conservación do significativo valor cultural do patrimonio histórico que representa a curtidoiro de Pontepedriña.

Consorcio e Consellería, conscientes da necesidade de recuperar e protexer o patrimonio cultural galego e así manter a cultura como auténtica garantía de conservación, sempre en estreita colaboración cos habitantes, asinan este convenio, que terá como resultado toda unha serie de actuacións encamiñadas á divulgación, información e promoción da cultura e para achegar o máximo posible o noso patrimonio cultural á sociedade. Esta colaboración supón a consecución dos espazos necesarios para que poidan representarse as diversas manifestacións da cultura galega nun marco digno e adecuado ás necesidades reais dos nosos tempos.

Colaboradores
O Centro Nacional de Formación en materia de Rehabilitacións chegará a Santiago grazas á unión de forzas entre o Consorcio de Santiago, o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia –Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Traballo e Benestar e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria-, e a Fundación Laboral da Construción. Esta última, xestionará o centro do que sairán profesionais coa máxima cualificación que, co seu labor, contribuirán á recuperación do patrimonio cultural galego, e que poderán transmitir e poñer en práctica seus coñecementos sobre outros exemplos patrimoniais a nivel internacional.

Documentos relacionados



Compartir: