ECONOMÍA

Santiago de Compostela desenvolverá un proxecto piloto pioneiro a nivel mundial para a loita contra a falsificación

07/06/2012 A concelleira de Economía e Comercio, Reyes Leis, e o director xeral de DNET, Manuel Montes, presentaron un proxecto piloto pioneiro no mundo para a implantación dunha innovadora tecnoloxía anti-falsificación en empresas fabricantes e puntos de venda da cidade. Esta presentación fíxose na véspera do Día Mundial contra a Falsificación.

O proxecto piloto ten coma obxectivo implantar na cidade un sistema global para a identificación de falsificacións. Baséase na tecnoloxía TAGTUM, desenvolvida pola empresa galega DNET e o Centro Tecnolóxico Gradiant, que permite verificar a través de Internet a orixinalidade dos productos en calquera parte do mundo, cun Smartphone NFC. Esta tecnoloxía tamén permite, en caso de extravío, localizalos dun xeito sinxelo e seguro.

Nunha primeira fase do proxecto, o Concello e DNET colaborarán na distribución gratuita de 5.000 chips TAGTUM entre fabricantes que comercializan os seus produtos na cidade e puntos de venda seleccionados, equipándoos cos lectores NFC de última xeración, convertindo así a Santiago na primeira cidade no mundo en desenvolver un proxecto global contra a falsificación.

Para a concelleira de Economía, Reyes Leis, "Santiago de Compostela é unha cidade na que non hai problemas coa venda de productos falsificados. Sen embargo, colaboramos neste proxecto por dous motivos: por unha banda entendemos que a falsificación é un problema global polo que ser pioneiro nesta temática pode situarnos como referencia en moitos países e por outra porque así apoiamos a un empresa galega que está facendo unha aposta moi importante polo desenvolvemento de tecnoloxía innovadora".

Segundo o director xeral de DNET, Manuel Montes, "normalmente, adoitamos asociar as falsificacións a problemas de luxo e glamour, pero en realidade estamos ante un cáncer que afecta a toda a economía moderna e que só se pode combatir cunha iniciativa de carácter global, algo que o Concello de Santiago soubo entender e defender dende dende o primeiro momento".

Estímase que a falsificación move anualmente en España un volume de 50.000 millóns de euros. Os principais sectores afectados pola falsificación de produtos son: textil, marroquinaría, xoguetes, cosméticos, pequenos electrodomésticos, recambios...

Compartir: