BENESTAR SOCIAL

Vinte inmigrantes de dez nacionalidades fórmanse na UAMI para a integración

22/03/2012 A Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, está a realizar un Curso de formación para a integración. Nas sesións, que comezaron o martes 20 de marzo e rematarán o martes 27, participan 20 inmigrantes extracomunitarias de dez nacionalidades diferentes.

Dende a UAMI tense deseñado un plan de actuación dirixido a promover a convivencia social e intercultural, no que se inclúen diversas accións formativas. O seu obxectivo é conseguir un acceso normalizado aos recursos xerais por parte da poboación inmigrante que demanda atención social, así como facilitar o acceso a recursos e prestacións sociais a este colectivo mediante actuacións que eviten procesos de marxinación. Ademais, preténdese reforzar o proceso de adaptación e de incorporación laboral das persoas inmigrantes na nosa cidade.

Para a cobertura das prazas, a UAMI contou coa colaboración das entidades de atención a inmigrantes. As prazas dispoñibles foron cubertas na súa totalidade, de xeito que están a participar no curso 20 persoas inmigrantes extracomunitarias, de dez nacionalidades diferentes: Bolivia, Brasil, Colombia, Panamá, Paraguai, Perú, República Dominicana, Rusia, Uruguai e Venezuela.

A participación nesta acción formativa -destinada ao coñecemento e respecto dos valores constitucionais de España, dos valores estatutarios da Comunidade Autónoma, dos valores da Unión Europea, dos dereitos humanos, das liberdades públicas, da democracia, da tolerancia e da igualdade entre homes e mulleres- poderá ser achegada polas persoas participantes como dato a ser valorado pola Comunidade Autónoma para o informe de esforzo de integración, no caso de non reunir algún dos requisitos previstos para a renovación da autorización de residencia e traballo.

Compartir: