EMPREGO

Sete cursos formarán a 175 persoas desempregadas na xestión do ciclo da auga

09/03/2012 O luns 12 de marzo celebrarase no edificio do Cersia (San Lázaro), a primeira dun grupo de sete xornadas formativas sobre o ciclo da auga. Aquagest (Grupo Agbar) colabora co Concello nesta iniciativa, da que se beneficiarán 175 persoas seleccionadas polos seus perfís profesionais.

A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, presentou estes cursos, acompañada de Ana Teijeiro e Ignacio Blanco, de Aquagest. As xornadas, de carácter gratuíto, celebraranse os días 12, 21, 22, 23, 26, 28 e 30 de marzo, coa participación de 25 persoas en situación de desemprego en cada unha delas.

Serán sesións de oito horas, impartidas por técnicos especialistas na xestión da auga e no medio ambiente. Os contidos teóricos e prácticos combinaranse nestes cursos, que abordarán cuestións administrativas, darán unha visión técnica sobre o abastecemento e depuración da auga e informarán sobre a lexislación que afecta ao ciclo da auga.

As xornadas teñen a súa xénese na Feira Internacional de Emprego celebrada os días 3 e 4 de novembro de 2011. No marco da mesma, o Grupo Agbar fixo a selección para tres contratos de traballo. A partir de aí, explicou a concelleira, "chegouse a un acordo coa empresa para formar a persoas desempregadas, para así crear unha bolsa de emprego con persoas formadas no ciclo da auga da que puideran botar man para vacacións, substitucións ou novos contratos".

Así, a Axencia Local de Colocación seleccionou 175 persoas a partir dos currículos recompilados pola propia empresa na Feira e dalgún outro perfil achegado pola propia Axencia. Estes seleccionados, todos desempregados, recibirán formación a través destas xornadas, na primeira iniciativa deste tipo que o Grupo Agbar realiza en Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: