XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal aproba un Plan de Control Tributario para loitar contra a morosidade e o fraude no pago de impostos

05/03/2012 O Goberno local aprobou un Plan de Control Tributario para este ano 2012, que pretende loitar contra a morosidade e o fraude no pago de determinados impostos. Ademais, na mesma sesión ordinaria da Xunta de Goberno asignóuselle nome a máis de 30 novas rúas.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, este Plan de Control Tributario pretende "mellorar a xestión dos servizos económicos e os procesos de inspección, para asegurar o cobro dos impostos". Trátase tamén de facer un labor "preventivo", fomentando "o pago en período voluntario", indicou.

Afirmou que se terán en conta as situacións de dificultade económica que poidan estar pasando determinadas familias, pero que "é unha obriga xestionar ben os recursos". O programa ten dende este ano carácter anual, xa que antes se facía con periodicidade bianual.

Con este Plan búscase asegurar o cobro para este 2012 dunha débeda liquidada por importe de 2.400.000 euros, dos que 500.000 corresponderían á recadación do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (IVTNU), 1.500.000 euros ao imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), e 100.000 euros ao imposto de actividades económicas (IAE). Ademais, este ano incorpóranse ao proceso de inspección dous novos conceptos: as licenzas de apertura, con 100.000 euros previstos, e as taxas de ocupación da vía pública, por 200.000 euros, dos que 150.000 corresponderían aos vados e 50.000 á colocación de mesas e cadeiras.

Este proceso de inspección afectará a 1.480 persoas, segundo o seguinte desglose: 840 no IVTNU, 125 no ICIO, 25 no IAE, 30 en licenzas de apertura e 500 en taxas de ocupación da vía pública (400 por vados e 100 por mesas e cadeiras)

Novas rúas
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a asignación de nomes a 33 rúas e prazas de dez ámbitos urbanísticos. Empréganse así os primeiros nomes do listado que fora aprobado polo Pleno municipal do 23 de febreiro.

Visitas didácticas
Tamén por urxencia, aprobouse unha prórroga ata o 30 de xuño do servizo de monitores para as visitas didácticas á exposición Compostella dicitur. A cidade da Catedral. Santiago en 1211. Por esta mostra xa pasaron máis de 10.000 persoas. O importe da prórroga é de 11.994 euros.

Compartir: