EDUCACIÓN

Éxito de público da segunda entrega do ciclo de concertos "Música nas prazas"

26/02/2012 A praza Roxa acolleu un novo concerto da Banda da Escola Municipal de Música e da Agrupación de Música Tradicional, que xuntou a máis de 40 alumnos e alumnas que cursan os seus estudos neste centro educativo público municipal. Numerosas familias e paseantes gozaron do concerto, ao igual que o concelleiro de Educación, Ángel Currás.

O Departamento de Educación do Concello, a través da Escola Municipal de Música, está a organizar un ciclo de concertos baixo a denominación Música nas prazas, que pretende incidir na difusión e na promoción da música entre os cidadáns de Santiago.

O ciclo iniciouse o 29 de xaneiro na praza do Toural, cunha masiva presencia de asistentes, ao igual que nesta segunda entrega. Nas vindeiras semanas os músicos da Escola acudirán a outros espazos referenciais de Compostela: praza das Fontiñas, palco de música do parque da Alameda ou praza de Cervantes, entre outras.

A Escola Municipal de Música considera prioritario, e así o recolle no seu proxecto educativo, que as diferentes agrupacións e instrumentistas que cursan estudos na mesma, conten como complemento á súa formación con diferentes oportunidades ao longo do ano para dar a coñecer o seu traballo ás familias e aos cidadáns de Compostela.

O concelleiro de Educación, Angel Currás, puido comprobar de primeira man o interese expresado por veciños e comerciantes do Ensanche compostelán por contar coas diferentes agrupacións da Escola Municipal de Música, como un elemento de encontro entres os veciños e un factor de dinamización da vida cidadá nesta zona de Santiago.

Compartir: