ALCALDÍA

Sentida homenaxe a un grupo de veciños composteláns vítimas da Guerra Civil de 1936

25/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, presidiu no cemiterio de Boisaca a homenaxe a un grupo de veciños composteláns, vítimas da Guerra Civil de 1936. Alí, preto de onde foron fusilados, descubrise unha placa recordatoria destes veciños. Ademais, realizouse unha ofrenda floral e gardouse un minuto de silencio.

"A 75 anos do inicio da Guerra civil de 1936, o Excmo. Concello de Santiago rende tributo aos seus veciños que perderon a vida en defensa da liberdade e das institucións democraticas, e que por iso gañaron o noso recoñecemento. Nunca máis guerras entre irmáns". Así reza a placa descuberta en Boisaca.

Conde Roa expresou no acto de homenaxe o seu desexo de que "algo así nunca máis se volva repetir" e amosou o seu "fondo pesar ás familias dos aquí inxustamente fusilados". Mesmo lembrou que un curmán da súa avoa fora fusilado alí. Tamén interveu o ex membro da Corporación Luís Pasín, quen agradeceu ao alcalde a súa "predisposición e dispoñibilidade" para este recoñecemento público.

A continuación, os voceiros dos tres grupos municipais, Paula Prado, Xosé A. Sánchez Bugallo e Rubén Cela, realizaron unha ofrenda floral. Despois de gardarse un minuto de silencio, o acto pechouse coa interpretación do himno galego.

Compartir: