EDUCACIÓN

A Escola Infantil de Conxo converteuse por un día nun parque de bombeiros

23/02/2012 A Escola Infantil Municipal de Conxo, converteuse nun parque de bombeiros, con motivo do Entroido 2012. A comunidade educativa deste centro educativo ten realizado un esforzo importante para que familias, educadoras e diferentes profesionais que colaboran coa Escola Infantil, dispuxeran deste novo encontro para a socialización e a aprendizaxe.

As familias, o persoal educativo e os nenos e nenas desenvolveron un conxunto de actividades que comezaron cunha gran merenda para os participantes. Ao longo da tarde, os nenos e familias puideron participar en diferentes talleres pensados para que dunha maneira educativa gozaran dun tempo de lecer.

Entre outras actividades, houbo a visita dunha unidade do Servizo Municipal de Bombeiros. Os pequenos realizaron nun circuíto de camión de bombeiros, a limpeza dun bosque para evitar incendios, xogos e quebracabezas, ademais de recibir recomendacións de literatura infantil e de música. Os bombeiros aproveitaron a ocasión para dar a coñecer algúns materiais didácticos elaborados por eles e que nas visitas aos centros educativos de Compostela son un recurso importante para a formación das familias, do profesorado e dos propios nenos e nenas na autoprotección: qué facer no caso dunha evacuación; pequenos accidentes domésticos e recomendacións de seguridade nas escolas infantís, entre outros.

Compartir: