ALCALDÍA

Proxecto Home estrea a súa nova sede central

23/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asistiu ao acto de inauguración da nova sede central de Proxecto Home, na rúa do Cottolengo (O Paxonal). As instalacións levantáronse nunha parcela cedida polo Concello de Santiago.

O novo centro é hoxe unha realidade grazas ao acordo asinado no seu día entre a Fundación Monte do Gozo, promotora do Proxecto Home Galicia e a Fundación Amancio Ortega, que asumiu o financiamento, construción e dotación das novas instalacións.

A sede central de Proxecto Home sitúase sobre unha superficie de 4.809 metros cadrados. O deseño do edificio é obra de Elsa Urquijo Arquitectos. Grazas a unha estrutura multifuncional, as instalacións acollerán os seguintes servizos: área de terapia ambulatoria; área residencial; área administrativa; área de talleres; áreas deportivas: ximnasio e pistas deportivas; e zona de xardíns e estacionamento.

Ademais do alcalde, participaron no acto de inauguración, entre outros, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez.

Proxecto Home Galicia
En 1990, a Fundación Monte do Gozo, promotora de Proxecto Home Galicia, inaugura o seu primeiro centro en Santiago de Compostela. Actualmente está presente en A Coruña, Cernada (Val do Dubra), Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. En 2012 cúmprense 22 anos de traballo integral en Proxecto Home Galicia, con más de 27.800 usuarios e 42.000 beneficiarios directos aproximadamente. Ademais, conta cunha rede de máis de 1.100 voluntarios e 4.800 socios colaboradores.

Compartir: