TURISMO

Cine, café, ópera, dieta atlántica e gastronomía no Fórum Cidade

23/02/2012 O venres 24, o Fórum Cidade colle forza con actividades para todos os gustos. O Hostal dos Reis Católicos acollerá pola tarde dúas charlas gratuítas. Ás 19:00 horas, os profesores da USC Rafael Tojo e Rosaura Leis falarán sobre a Dieta Atlántica: nutrición, gastronomía, saúde e calidade de vida. A continuación, ás 20:30 horas, haberá unha charla sobre Ópera e Gastronomía, que inclúe unha degustación de viños da DO Valdeorras.

A Dieta Atlántica caracterízase por unha gran variedade de alimentos frescos, de tempada e minimamente procesados, con abundancia de verduras, peixes, moluscos, crustáceos e algas, consumo moderado de carne de vacún, porco e lácteos, abundancia de auga de mananciais, uso de aceite de oliva e de salsas de baixa carga enerxética e alta calidade nutricional.

Na charla sobre Ópera e Gastronomía, organizada polos Amigos da Ópera de Santiago, mostraranse fragmentos recoñecidos de óperas clásicas, nos que se establece unha conexión inequívoca entre a música, os seus autores e a gastronomía. Será unha sesión comentada por expertos, na que se fará unha degustación de viños da DO Valdeorras.

A Asociación Hostalería Compostela acolle ás 17:00 horas un obradoiro de Cociña con café. Será presentado por Óscar de Toro, campión galego de baristas, e impartido polos cociñeiros Rafael García e Marcos Crespo. No obradoiro elaborarase un menú a base de aperitivos, peixes, carnes e sobremesas co café como un dos principais ingredientes, acompañados dunha selección de viños.

O venres tamén se celebra CineCea, unha actividade na que a gastronomía salta da pantalla á mesa cos protagonistas de 18 comidas. Despois dun pase privado da película, degustarase un menú elaborado por Pedro Roca, inspirado directamente no filme, que transcorre en Santiago. Na sobremesa falarase de cine e gastronomía, coa presenza do director da película, Jorge Coira.

Tamén nesta xornada péchase o prazo para facer as reservas das catas con maridaxe e dos obradoiros gastronómicos para nenos que terán lugar o sábado 25 no Hostal dos Reis Católicos. As reservas poden facerse na oficina de información turística da rúa do Vilar ou no punto de información que Turismo de Santiago ten no Mercado de Abastos con motivo do Fórum Cidade. As entradas ás catas e obradoiros poderán retirarse o mesmo día no propio Hostal, ata ocupar as prazas.

Compartir: