MEDIO AMBIENTE

O Concello recibe o estudo de alternativas para a depuradora da Silvouta, que se decanta pola ubicación na zona do Souto

23/02/2012 A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, María Castelao, anunciou en rolda de prensa que o Concello xa recibiu o estudo de alternativas para a futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta, elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Este documento decántase pola ubicación río abaixo, no lugar do Souto.

María Castelao considerou esta ubicación a "máis idónea", por ser "a máis afastada das vivendas", aproximadamente un quilómetro, e por ser a que menos inconvenientes presenta para os veciños. Así, a depuradora situarase nunha zona actualmente arborada, no lugar do Souto, lindeira co municipio de Ames e a preto dun quilómetro da actual depuradora.

Ademais, destacou que a instalación estaría protexida por un "manto vexetal" que reduciría o seu impacto paisaxístico e visual. En canto á tecnoloxía a empregar, reiterou a aposta municipal polas membranas ou biofiltros, pola súa maior calidade de depuración e seguridade e pola súa menor ocupación de espazo.

A concelleira apuntou que este estudo de alternativas xa foi presentado a AquaNorte, entidade estatal que ten a encomendada a xestión da depuradora, e que se están a manter conversas do Concello e da Xunta coa nova Secretaría de Estado de Medio Ambiente para iniciar a tramitación medioambiental. De feito, este estudo previo –apuntou- servirá de base a esta tramitación ambiental e permitirá avanzar nos mesmo. María Castelao confía en que o estudo de impacto ambiental poida estar listo uns dous meses.

Neste asunto, indicou, "seguimos traballando coa máxima celeridade", xa que a obra da EDAR, valorada en 70 millóns de euros, debe comezar antes do fin de 2013 e estar rematada en 2015 para non perder os fondos europeos que ten asignados. Neste sentido, referiuse ao segundo semestre de 2013 como período para o comezo da construción da instalación.

Compartir: