ALCALDÍA

O Autos Lobelle terá unha rúa na cidade

22/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu en Raxoi ao Autos Lobelle de Santiago FS, con motivo da consecución a principios de febreiro da quinta Copa Xunta por parte do club santiagués. O acto serviu tamén para homenaxear a Aicardo, que vén de proclamarse campión de Europa coa Selección Española, e para anunciar que o Lobelle dará nome a unha rúa da cidade

A dúas semanas dunha nova participación na Copa de España e un día despois de clasificarse para as semifinais da Copa do Rei, o Concello de Santiago quixo felicitar ao Autos Lobelle pola súa última conquista, a Copa Xunta de Galicia, lograda o 5 de febreiro en Ponteareas ao gañar na final por 2-7 ao Cidade de Narón. Esta era a quinta Copa Xunta e a cuarta consecutiva que gañaba o conxunto compostelán.

Conde Roa expresou a súa "enorme satisfacción" por recibir a un club como o Lobelle que "leva o nome de Santiago polo mundo adiante". Ademais, indicou que detrás deste proxecto deportivo hai "moito traballo e moi boa xente".

E en recoñecemento deste traballo e de tantos títulos, o nome do Lobelle de Santiago estará entre os incluídos na proposta de denominacións para novas rúas que irá ao Pleno ordinario do 23 de febreiro. Así o anunciou o alcalde, quen pechou o acto entregando unha placa ao presidente do club, José Antonio Lobelle, e un libro sobre a cidade ao xogador Aicardo.

Compartir: