TURISMO

Todo a punto para o Fórum Gastronómico

22/02/2012 O interese polo Fórum Gastronómico Santiago 2012 segue en aumento, cun grande éxito de convocatoria na feira de expositores, con máis de 350 marcas presentes, e con algunhas sesións completas no seu programa oficial.

As grandes sesións que se celebrarán no Auditorio son de acceso libre coa entrada do día, 5 euros o domingo 26, e 15 euros a profesional do luns 27 e o martes 28, pero para os talleres ou a Aula Activa convén a inscrición previa no portal www.forumsantiago.com, onde tamén é posible informarse en detalle de todo o programa.

Nos talleres terán lugar as demostracións protagonizadas polos mellores especialistas, con degustacións dos pratos elaborados polo cociñeiro. Trátase dun espazo reducido, próximo, que permite interactividade, cun límite de 60 prazas. A súa duración é de 1 hora. O prezo dos talleres o domingo é de 3 € e nas xornadas profesionais, luns e martes, é de 20 €.

Unha novidade destacada desta edición do Fórum é a Aula Activa. É un espazo experimental e interactivo no que os asistentes terán a oportunidade de estar xunto ao mestre e probar os seus pratos. A súa duración é de tres horas, con capacidade exclusiva para 20 persoas tras inscrición previa. O prezo será de 10 € o domingo e de 50 € o luns e martes. Son de aforamento limitado as distintas accións enmarcadas en Fórum Doce e Fórum Viño.

O Fórum Gastronómico celébrase do domingo 26 ao martes 28 de febreiro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, se ben a partir do xoves 23 hai un anticipo coas primeiras actividades do Fórum Cidade: Fórum Tapas, Fórum Noite e o xogo do Fórum Nenos; un repertorio que encherá Compostela dos mellores ingredientes.

Fórum Doce
O Fórum Gastronómico converterá Santiago, durante tres días, na cidade máis doce do mundo. Un selecto grupo de pasteleiros e cociñeiros levarán a cabo os próximos días 26, 27 e 28, relatorios do máis alto nivel. Seis relatores para seis sesións baixo a marca Fórum Doce, a Sala Cunqueiro do Pazo de Congresos de Santiago, convertida no espazo doce do Fórum. Cada día pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas, dous especialistas do doce desenvolverán temas para profesionais e gastrónomos.

O domingo 26, Josep Maria Ribé, en Verán doce, pastelaría fresca, ou de como preparar sobremesas refrescantes de nivel gastronómico cando chega a calor. E Jordi Farrés, en As cores do chocolate, sobremesas de autor co chocolate como protagonista en todas as súas formas e texturas.

O luns 27, é a quenda de Ramon Morató, con Bombonería para restauración, ou cando a sobremesa chega ao seu cumio. Un manexo complexo, pero non imposible. Mentres, Jordi Roca presentará O doce encanto da cociña nunha sesión única, afianzando o liderado mundial do Celler de can Roca. Estas dúas sesións xa esgotaron as súas prazas.

O martes 28, corresponderá a Rubén Álvarez, con Chocolates e vermús, nunha sesión na que o mestre chocolateiro incorpora o vermú a receitas de pastelaría con chocolate. Por último, será Javier Torres, cociñeiro do Dous Ceos, quen co seu O chocolate na cociña salgada, elaborará pratos nos que o chocolate actúa como ingrediente, no seu papel de especie, como potenciador de cor e sabor.

Todos eles, serán presentados por José López Alba, gastrónomo experimentado, alumno avantaxado e director do espazo gastronómico SeviGastrum, no corazón de Sevilla.

Fórum Viño
O viño é un clásico do Fórum Gastronómico. Dende sempre, por méritos propios, o mundo do viño ten o seu espazo: o Fórum Viño. Así como falando de cociña damos a palabra aos cociñeiros, cando fálase de viños os que levan a batuta son os sumilleres e os enólogos. Unha escollida selección de profesionais do viño de Galicia disertará sobre viños e daranos a probar aos asistentes.

A apertura do Fórum Viño, o domingo 26 ás 13:00 horas, correrá a cargo de Mercedes González, presidenta de Gallaecia, con Viños de Galicia con todos os sentidos", nun percorrido polos cinco sentidos a través do viño, nunha sesión amena, divertida, lúdica e didáctica. Pola tarde, ás 17:30 horas, o quenda de palabra será colectiva. Cinco bloggers do viño, con 5 viños ao nu, encherán as copas de argumentos, paixón e viños galegos. Son Adrián Guerra (Enoteca Bagos, Pontevedra), Xabi Rúa (A Viña de Xabi, Santiago), Miguel Anxo Besada (A Curva, Sanxexo), Antonio Portela (Vitícolo dous bagos) e Mariano Fisac (Mileurismo gastrónomo).

O martes 28, ás 11:00 horas, Xoán Cannas, director e sumiller de Pepe Vieira (Sanxenxo), nariz de ouro, activista do viño, descubridor de tesouros, con Vellas cepas, novos viños, descubrirá viños singulares, de novo cuño, elaborados a partir de varietais autóctonas de vello raizame. Pechando o ciclo, ás 13:00 horas, Luis Padín (Gallaecia, Asociación Galega de Sumilleres), prestixioso experto en viños galegos, coñecedor profundo da terra vitícola de Galicia, con 100% albariño, declinará a lendaria varietal de Rías Baixas, en todas as súas variantes.

Os visitantes, ademais de acudir ás distintas sesións, poderán deterse nos postos con máis de 350 marcas representadas. Moitas delas prepararon as súas propias actividades, conformando un programa de expositores de gran valor. Así, o Fórum Gastronómico conta con máis de 80 sesións impartidas por máis de 100 cociñeiros e profesionais.

Os patrocinios institucionais do Fórum Gastronómico son Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Consorcio de Santiago e Turgalicia; os patrocinadores principais son Éstrella Galicia e Schweppes; como patrocinadores tamén figuran Paradores, Chocolate Academy (Barry, Callebaut, Chocovic), Asociación Hostalaría Compostela e Rosareiro-Angelo Po. Os patrocinios técnicos corren a cargo de Bragard, Josmaga, Castey, Noyamóvil, Kitchenrent, María Fechoría, Aceites Abril, CIEP Compostela, Mercado de Abastos de Santiago e Tesec Audiovisuales.

Compartir: