BENESTAR SOCIAL

"Musicompostela" ofrece unha alternativa de lecer sen alcohol á mocidade santiaguesa

22/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a concelleira de Benestar Social e UMAD, Paula Prado, presenta o festival Musicompostela, actividade enmarcada no Plan de Acción Local na Prevención de Drogodependencias. Serán sete concertos na Sala Moon e nos que non se servirá alcohol.

En cada un dos concertos actuarán dous grupos e celebraranse a partir das 22:00 horas. Así, no primeiro, o 10 de marzo, tocarán Bizarros e Vicky Polard, e no segundo, o 30 de marzo, Drink and Tonic e Touret. Para abril quedan os concertos de Manolo e Fillos e Lío e Mayu (día 13) e de The Free Riders e Free Lance (día 27). As seguintes convocatorias serán o 11 de maio, con Hellorice e Agoraphobia, e 19 de maio, con Labazada e Las Colillas Aquí. Pecharán o ciclo, o 1 de xuño, Crying Wolves e Erglis.

A todos estes grupos o alcalde agradeceulles a súa colaboración, recordando a preocupación do Goberno municipal "por todo o que se deriva da inxesta de alcohol masiva por mozos". "Non somos represores; o que queremos é facer un labor preventivo e fomentar un consumo responsable", engadiu, desexando "éxito" a este ciclo de concertos.

Nesta mesma liña pronunciouse a concelleira de Benestar Social, incidindo en que o Plan de Acción Local na Prevención de Drogodependencias promove accións como estas de "ocio alternativo sen consumo de alcohol". Uns concertos como estes –dixo- permiten que "se vexa que hai unha xuventude sa que se divirte dun xeito diferente".

O acto de presentación de Musicompostela contou coa presenza de representantes da maioría dos grupos participantes. Un deles, Crying Wolves, fixo un avance do seu concerto cunha pequena actuación en Raxoi.

Compartir: