ENTROIDO

A Feira dos Carballiños e Estrelas da Noite levan os premios principais do Entroido

21/02/2012 Os composteláns saíron á rúa para contemplar e participar no desfile do martes de Entroido. O bo tempo acompañou ás 16 carrozas, 22 comparsas e multitude de pequenos e maiores disfrazados que conformaron a comitiva que animou Compostela durante varias horas.

Os premios principais foron para A Feira dos Carballiños, de Vilatuxe (Lalín), e para Estrelas da Noite, de Tomiño. Os primeiros levaron o primeiro premio de carrozas, mentres que os segundos gañaron o galardón de comparsas. Ambas formacións foron agasalladas con 2.000 euros.

Seguindo coas carrozas, o segundo lugar quedou a titulada Asterix e Obelix: Misión Cleopatra; en terceiro, Costa Concordia; en cuarto, A deusa Gea e as fantasías da Terra; e en quinto lugar, Relámpago. Recibiron, respectivamente, 1.300, 600, 450 e 300 euros.

Na categoría de comparsas, o segundo premio foi para a chamada Restaurante Ambulante (1.300 euros); o terceiro para Airiños de Laraño (600 euros) e o cuarto para Os Conformistas de Conxo (450 euros). Os cinco accésit, agasallados con 150 euros, foron, por esta orde, para Os Garanduxos, A que faltaba, Mira quen canta, Riveira se escribe con V e Os lambóns xogan ao parchís.

Tamén houbo premio para a mellor comparsa das parroquias e barrios de Santiago, que foi para Mouchos da sorte, formada por varios centros socioculturais. O segundo e terceiro premio foron para A hora do té e Festa pitufa. Levaron, respectivamente, 600, 450 e 300 euros.

O mellor grupo caracterizado foi un denominado Aventura en África. Para eles foron os 400 euros. O segundo premio (250 euros) levouno Cazafantasmas e o terceiro (150 euros), ABBA.

Voando ao ras foi a mellor parella do desfile, seguida da chamada Sen fíos e de Cayetana e Alfonso. Neste caso os agasallos foron de 300, 180 e 120 euros

Finalmente, na categoría de disfraces individuais, o primeiro premio foi para Un baño de luxo. Como segunda clasificada quedou A famosa cabra equilibrista e, como terceiro, O tiovivo. Os portadores destes traxes levaron, respectivamente, 150, 90 e 60 euros.

Queima do Meco
O Entroido despedirase o mércores de Cinza coa tradicional queima do Meco na praza Roxa. Ás 20:00 horas concentrarase a comitiva fúnebre que acompañará o Meco dende o Toural, facendo o seguinte percorrido: rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador, ata rematar na praza Roxa, onde ás 21:00 horas será queimado. Prégase aos acompañantes que vistan de rigoroso loito para a ocasión. A animación corresponderá a Mofa e Befa e a música á Banda Municipal.

Direcciones relacionadas



Compartir: