TURISMO

O Mercado de Abastos acolle un punto de información turística para o Fórum Cidade

21/02/2012 O Mercado de Abastos será un dos puntos de referencia do Fórum Cidade, que comeza o xoves 23 e que se prolongará ata o día 28. Entre o xoves e o sábado, Turismo de Santiago terá un punto de información nunha das casetas do recinto, onde se informará sobre as actividades do Fórum Cidade e da cidade en xeral. Será a primeira vez que o Mercado, o segundo lugar máis visitado da cidade polos turistas, conte cun punto de información turística.

Neste punto de información tamén se poderán facer as reservas para participar en diversas actividades do programa, como as catas con maridaxe ou os talleres gastronómicos para nenos, que se celebrarán o sábado 25 no Hostal dos Reis Católicos. Tamén se poderá adquirir a publicación infantil Santiago mmm... que rico!, coa que os nenos poden descubrir a cidade cumprindo unha serie de probas centradas na gastronomía. A publicación inclúe debuxos para colorear, fotos, planos... O xogo remata no Mercado de Abastos, onde os pequenos poden ver e comprender a importancia do Mercado para a cidade.

O Mercado acollerá na mañá do día 25 un dos momentos cumio na historia contemporánea da Gastronomía galega. Será cando os dos tres grupos representativos da gastronomía galega, o Grupo Nove, o Grupo Gourmand, e Xantares, prepararán conxuntamente un cocido entre as nove da mañá e a unha da tarde.

Será a primeira vez que os tres grupos participan conxuntamente nun acto deste tipo, que sintetiza a unión e a forza das diferentes correntes gastronómicas de Galicia. Rematado o cocido, os asistentes poderán degustar o caldo. O cocido prepararase con produtos da máxima calidade, cedidos polo Mercado de Abastos, que é ademais provedor do produto fresco que se empregará nas actividades do Fórum Gastronómico.

O día 25, ás 12 da mañá, o Mercado tamén acollerá a inauguración da exposición Carne sobre carne, do fotógrafo compostelán Juan Guerrero. Nunha serie fotográfica realizada na primavera do 2011, Guerrero lévanos a centrar a nosa mirada e reflexionar sobre xestos e escenas cotiás dalgúns personaxes do mercado: os traballadores do matadoiro que cargan a carne dende os camións de repartición ata cada unha das carnizarías.

Lonxe da fotografía documental, a exposición móstrase como unha metáfora, este proceso que sucede case a diario no mercado convértese en ollos do fotógrafo nun exemplo do efecto alienante do traballo. Imaxes cunha rechamante aparencia visceral suxestionan o espectador ata chegar a ver corpos e figuras realizando tarefas mecanizadas duras e tediosas, tarefas máis propias de seres menos humanos.

Compartir: