CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Concellería de Centros Socioculturais promove 17 viaxes e 20 rutas de sendeirismo pola xeografía galega e peninsular

21/02/2012 O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, caracterizado esta vez de Alatriste en consonancia con este tempo de Entroido, presentou os programas Imos de excursión e Imos de sendeirismo para este ano 2012. En total son 17 excursións e 20 rotas de sendeirismo ao longo da xeografía galega e peninsular.

O programa de viaxes Imos de excursión comprende 17 viaxes, das cales 11 son dunha xornada, catro de dous días e o resto de tres xornadas. A primeira das viaxes realizarase xa o domingo 26 de febreiro, tendo como destino Lalín e arredores. O prezo, con cocido incluído, é de 27 euros. A partir de aí, cada mes haberá viaxes a diferentes paraxes de Galicia e tamén a lugares como Cantabria, Asturias, Porto ou a Costa de Lisboa, entre outros.

Os interesados poden inscribirse e obter toda a información nos centros socioculturais de Conxo, Vite, O Ensanche, Fontiñas e O Castiñeiriño.

Organizado polo Club Vía Láctea, o programa Imos de sendeirismo inclúe 20 rutas, diarias ou de dúas xornadas e con diferentes niveis de dificultade. Ademais dos percorridos por Galicia, haberá rotas en lugares como o Val do Jerte, o Parque Nacional de Ordesa ou os Picos de Europa.

O prezo xeral das rutas dun día será de 11 euros para os cidadáns en xeral e de 9 euros para os federados, cun suplemento no caso de percorridos que inclúen unha ruta en barco. As de varios días terán cadanseu prezo. Neste caso, as inscricións deberán formalizarse na Casa das Asociacións de Cornes.

O presidente do Club Vía Láctea, Antonio Pose, recordou os beneficios que para a saúde física e mental ten o sendeirismo, unha disciplina deportiva e de lecer que é practicada por máis de 17 millóns de persoas en Europa.

Compartir: