ENTROIDO

Dezaseis carrozas, vinte e dúas comparsas e multitude de disfraces desfilarán polas rúas da cidade no martes de Antroido

20/02/2012 Xa está case todo listo para o desfile do martes de Entroido, que partirá da estación do tren a partir das 17:30 horas. A última hora da mañá inscribíranse para participar no concurso 16 carrozas, 22 comparsas, cinco grupos, seis parellas e 11 participantes individuais. Ademais dos inscritos nos concursos, desfilarán outros moitos incondicionais do Entroido, que realizarán a súa especial posta en escena para o público que seguirá o desfile dende as beirarrúas.

O desfile do martes de Entroido está aberto a tódalas asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas que o desexen. De feito, este ano salienta a alta participación dos centros socioculturais. O desfile comezará na estación do ferrocarril, seguindo o seguinte itinerario: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Unha vez rematado o desfile as carrozas aparcarán na avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao paseo central da Alameda.

Entre os participantes, destaca a presenza de comparsas de diversos lugares de Galicia, como Muros, Vilalonga, Tomiño ou Negreira. Ademais, trátase de grupos grandes, de máis de 65 persoas. Pechará o desfile unha gran carroza, con trailer e motos de época incluídos, representando a feira dos Carballiños de Vilatuxe (Lalín).

Hai varias categorías de participación: carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual. Os elixidos como gañadores polo xurado repartiranse 12.200 euros en premios. Nas categorías de carrozas e comparsas, os primeiros clasificados levarán 2.000 euros, polos 400 que levará o mellor grupo, os 300 da mellor parella o os 150 do mellor disfraz individual. Ademais, haberá premios especiais para as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do municipio.

E tras o desfile e antes da entrega de premios, actuación da orquestra Fania Blanco Show no paseo central da Alameda.

Compartir: