ALCALDÍA

Santiago de Compostela será sede en abril do IV Congreso Internacional de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios (PATORREB)

20/02/2012 O Concello de Santiago asinou coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e c Colexio de Arquitectos de Galicia un convenio de colaboración para a celebración do 4º Congreso Internacional de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios (PATORREB 2012). O evento terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia entre os días 12 e 14 de abril.

Na sinatura participaron o alcalde, Xerardo Conde Roa; o conselleiro de Medio Ambiente, en calidade de presidente do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Agustín Hernández; e o decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte. Tras o acto, o rexedor compostelán destacou a consolidación de Santiago como cidade que aposta polo estudo de propostas de rehabilitación urbana, ademais da rehabilitación patrimonial da que xa é un exemplo. "Temos edificios dos anos 60 e 70 con patoloxías que hai que afrontar. Este congreso convertirá Santiago nun punto de referencia arquitectónica e servirá de impulso para a industria local".

Pola súa parte, Agustín Hernández asegurou que o congreso ten o éxito garantizado e axudará a fomentar a actividade turística e converter a Santiago en referente internacional en materia de rehabilitación. "A rehabilitación é o puntal das políticas de vivenda da Xunta de Galicia. Temos 55 áreas de rehabilitación integral en máis de 30 concellos de Galicia, un total de 3.500 vivendas cunha achega de 45 millóns de euros, ademais de áreas de rehabilitación dos municipios do Camiño de Santiago". Hernández anunciou que IGVS fai unha aportación económica ao congreso de máis de 40.000 euros.

Jorge Duarte destacou o carácter internacional desta cita, que contará cunha asistencia de entre 700 e 1.000 participantes, "nunha cidade que sempre apostou pola rehabilitación e o estudo de patoloxías na edificación". O programa do congreso inclúe máis de 200 presentacións, entre relatorios e comunicacións.

Ademais, Duarte apuntou que non só é importante a rehabilitación patrimonial senón tamén a mellora das condicións de rehabilitación de todo o parque construído das cidades, a renovación urbana e a mellora de servizos enerxéticos. "Hai que rehabilitar o parque de vivendas existente, mellorando as súas condicións de eficiencia enerxética e de habitabilidade. Precisamos un cambio de modelo que mire para o patrimonio construído", explicou.

Antecedentes en Porto
Este congreso ten como obxectivo primordial divulgar as técnicas e as preocupacións da rehabilitación. Celebrouse en 2003, 2006 e 2009 na Facultade de Enxeñería da Universidade de Porto, reunindo a máis de 600 participantes entre profesores, investigadores, estudantes, construtores, proxectistas, enxeñeiros e outros profesionais.

O punto de partida será una reflexión sobre a patoloxía da construción e como se combinan estes coa rehabilitación arquitectónica. Amplíanse os temas presentados en edicións anteriores e introdúcense novos puntos de vista, ofrecendo un perfil máis aberto do congreso para a participación de diferentes profesionais vinculados ao mundo da edificación e o urbanismo.

Presentaranse os últimos avances da investigación e a execución, mediante propostas que traten as estratexias para a rehabilitación, as metodoloxías de diagnose, o ditame e proxecto, a adecuación á normativa vixente, a recuperación de espazos públicos e as súas infraestruturas, a adaptación enerxética, o reforzo de estruturas, a eficiencia das instalacións, as técnicas de reparación, así como a análise de casos concretos de proxectos e obras rehabilitadas.

Compartir: