XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os prazos de admisión e matrícula nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas

20/02/2012 A Xunta de Goberno aprobou os prazos de admisión e matrícula nas escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas. Ademais, deu o visto bo inicial á ordenanza reguladora da inspección técnica de edificacións (ITE).

O prazo abrirase do 1 ao 10 de marzo para a solicitude de reserva de praza e traslado dos alumnos e alumnas que xa teñen praza actualmente. As listas publicaranse o 14 de marzo. Ao día seguinte, 15 de marzo, e ata o 16 de abril, abrirase o prazo de solicitudes de novo ingreso. Entre o 2 e o 10 de maio publicarase a lista de admitidos e, tras estudar as oportunas reclamacións, a lista definitiva publicarase entre o 10 e o 30 de maio. Do 1 ao 16 de xuño efectuarase a matrícula.

A voceira da Xunta de Goberno Local, Paula Prado, explicou que inicialmente non se abren os prazos de solicitude na Escola Infantil de Salgueiriños, por estar esta pendente da autorización de apertura da Xunta de Galicia. Cando esta se reciba, poranse a disposición das familias outras 123 prazas.

Seguindo con Educación, prorrogouse o contrato de xestión da Escola Municipal de Música coa empresa Trobeiro S.L., por un importe de 142.068 euros. Nesta prórroga non se aplicou a suba do IPC.

Benestar Social
En materia de Benestar Social, acordouse subscribir un convenio entre o Concello e a Fundación Down Compostela para o desenvolvemento o desenvolvemento dun proxecto de incorporación laboral. Trátase dun curso de dixitalización de documentos encamiñado a formar ás persoas que se incorporarán ao Centro Especial de Emprego que vai crear esta Fundación no inmoble que dispoñen en Fontiñas.

Segundo indicou Paula Prado, paralelamente, o Concello está colaborando con Down Compostela no resto de trámites para por en marcha este Centro Especial de Emprego, e intermediando coa Xunta de Galicia, co obxecto de que poida estar funcionando en torno a outubro.

Urbanismo
A proposta da concelleira de Urbanismo Urbanismo, aprobouse inicialmente o proxecto de ordenanza reguladora da inspección técnica das edificacións (ITE). En palabras da voceira da Xunta de Goberno, esta era unha norma que os concellos debían ter obrigatoriamente xa dende o ano 2004.

Tamén no eido desta Concellaría, citou dúas licenzas concedidas: unha para a construción en San Marcos dunha nave de garda e mantemento de helicópteros contra incendios, e outra para a construción de dúas novas pistas de pádel en Sar, incluídas nas melloras que XADE ofrecera cando se lle adxudicou a xestión das pistas actuais.

Barrios
No ámbito da Concellería de Barrios, aceptáronse diversas cesións de terreos para as obras de remodelación de beirarrúas en Meixonfrío. Estes terreos cedidos son os que corresponden aos frontes de diversas vivendas, permitindo así completar as obras da senda peonil que se están a realizar.

Medio Rural
Finalmente, deuse conta da autorización da Consellería de Traballo e Benestar para a substitución dunha das intervencións da obra de restauración e mellora da accesibilidade en parques e espazos públicos e aprobación de proxecto. Deste xeito, poderá acometerse o acondicionamento da carballeira do parque Eugenio Granell e a posta e valor e recuperación do lavadoiro e da fonte na parroquia da Peregrina.

Documentos relacionados



Compartir: