ALCALDÍA

O alcalde recorda que a conexión dos aeroportos principais coa alta velocidade ferroviaria é unha recomendación da UE

20/02/2012 A conexión do aeroporto de Lavacolla co AVE é "reto e un desafío" que o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, lanza á "sociedade civil". Así o expresou nunha rolda de prensa na que explicou que, lonxe de ser unha "ocorrencia", esta fórmula é a que recomenda a Unión Europea para os aeroportos principais, entre os que inclúe o de Lavacolla.

"Galicia vai estar cruzada de liñas de AVE", indicou Conde Roa, preguntándose: "¿Hai alguén que poida soster con racionalidade que esas liñas de AVE non estean conectadas con ningún aeroporto?". O alcalde cre que "non podemos permitirnos ese luxo" e considera que a este proxecto "é factible".

"Este é o camiño correcto e de futuro", afirma, recordando que esta medida vai no camiño da intermodalidade e da interconectividade que recomenda a Unión Europea. Nese sentido, referiuse a unha proposta de regulamento do Parlamento Europeo e do Consello do 19 de outubro de 2011, sobre recomendacións para o desenvolvemento da Rede Transeuropea de Transporte: "Os aeoportos principais indicados na parte 1b do anexo II deberán estar conectados coa infraestrutura de transporte por ferrocarril e estrada da rede transeuropea de transporte a máis tardar o 31 d3e decembro de 2050. Tendo en conta a demanda potencial de tráfico, os devanditos aeroportos integraranse na rede de ferrocarril de alta velocidade sempre que sexa posible". E nese anexo inclúese o aeroporto de Lavacolla.

Á vista deste plantexamento, Conde Roa afirmou que "non poderá sobrevivir ningún aeroporto galego sen non estamos conectados á rede de alta velocidade". E dentro deses aeroportos, reiterou que o de Santiago é o que reúne as mellores condicións para ter esa conexión.

AVE e proximidades
Tras expresar de novo o seu rexeitamento á estación do AVE prevista, por non ter feito previamente o planeamento urbanístico e por contemplar equipamento comerciais e vivendas que "non encaixan naquela zona", insistiu na súa aposta por manter a estación actual, "potenciándoa cunha rede de proximidades", ademais do propio paso da alta velocidade. Esta rede de curto alcance crearíase "aproveitando a rede xa existente e creando novas redes", poñendo como exemplo disto último unha que unira Santiago co Barbanza"

Ademais disto, Lavacolla contaría cun "apeadeiro" no que pararían determinadas frecuencias do AVE do Eixo Atlántico. "Non fai falta unha macroestación do AVE", aclarou, defendendo que esta parada permitiría inteconectar as áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña. Afirmou ter falado co arquitecto que deseñou a terminal de Lavacolla e que esta parada "é posible e sen un custo excesivo". Explicou que unhas frecuencias do AVE Atlántico pararían en Lavacolla e outras na actual estación.

Puxo como exemplo de conectividade coa alta velocidade o aeroporto alemán de Frankfurt e incidiu que, incluso na rede de AENA, xa hai previsións de aeroportos que estarán conectados co AVE. Neste sentido, aludiu aos aeroportos de Madrid, Barcelona ou Murcia.

Nova estación de autobuses e apeadeiro en Lavacolla
Aclarou tamén que Santiago seguirá tendo estación de autobuses, "pero queremos tamén un apeadeiro en Lavacolla" para determinadas liñas, exemplificándoo nas liñas procedentes de Lugo, que puideran parar no aeroporto e logo seguir ata a cidade. Sobre a situación da estación de autobuses, apuntou como o lugar idóneo nas proximidades da actual estación ferroviaria. Tanto os que chegaran a esta, como os que utilizaran o AVE á Meseta ou os propios composteláns, conectarían con Lavacolla a través do autobús ou dun metro lixeiro, decantándose preferentemente por esta última opción. Lembrou que a construción da estación de autobuses é un compromiso asumido pola Xunta de Galicia.

Para Conde Roa, tanto o apeadeiro do AVE como o de autobuses "non requirirían grandes investimentos". O montante maior, que cifrou nuns 85 millóns de euros, correspondería á construción do bypass na liña de AVE do Eixo Atlántico. "Preferiría dedicar cos cartos previstos para a estación intermodal á construción deste bypass", dixo ao respecto, xa que "a nova estación non é unha cuestión en absoluto prioritaria". Sen descartar que ADIF poida realizar outras propostas, indicou taxativamente que "nos termos actuais, a estación non se vai facer".

Volvendo ao proxecto de conexión do AVE co aeroporto, o rexedor municipal estima que "o que hoxe se ve como unha distancia insalvable, dentro duns anos non o será. O que se ve como unha infraestrutura afastada, cada vez vai estar máis preto da cidade". Neste sentido, avanzou que o Goberno municipal ten "grandes plans" para a área de Lavacolla, considerándoa unha "zona dun extraordinario futuro".

E a propósito da conectividade internacional e da situación actual do aeródromo de Sá Carneiro (Porto), Conde Roa preguntouse "¿por qué non podemos nós facer o mesmo?". E tras recordar o número de pasaxeiros galegos que está a captar a terminal lusa expresou respecto a Santiago o seu desexo de que "esta cidade comece a pensar ao grande. Non só o merece, senón que está capacitada para iso".

Compartir: