CULTURA

Erik Truffaz 4tet inaugura o "Jazz in Blue"

17/02/2012 Erik Truffaz 4tet inaugura o ciclo Jazz in Blue na nosa cidade o sábado 18, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal. Despois del, dentro deste ciclo estarán Joe Lovano Quartet, o 6 de marzo no Auditorio de Galicia, e The Bad Plus, de novo no Principal o 13 de maio.

Jazz in Blue ofrécenos a oportunidade de achegarnos a unha música radicalmente creativa, recoñecida a nivel internacional e de incontestable calidade, realizada por tres artistas que marcan moitos dos camiños polos que transcorre o mellor jazz actual; Erik Truffaz 4tet, Joe Lovano Quartet e The Bad Plus.

O trompetista francés de orixe suíza Erik Truffaz naceu en 1960 e o seu estilo contemporáneo fusiona jazz, rock, hip-hop, world music e electrónica. Comezou a tocar aos 8 anos e aos 14 electrificou a súa trompeta engadindo un wah-wah. Definido como "o Papa do electro jazz", gañou o Premio de Xurado no concurso da Défense de París e asinou con Blue Note Records un ano despois. Truffaz alcanzou recoñecemento internacional con The Dawn (1998), o seu segundo álbum para Blue Note. En 2007 lanzou Arkhangelsk, un disco que mesturaba cancións do pop francés e jazz-groove.

Con máis de 15 álbums publicados desde 1994 e colaboracións con Joe Lovano, Dewey Redman ou Michael Brecker, a finais de 2010 publicou, tamén con Blue Note Records, In Between, no que recuperaba a formación clásica de Arkhangelsk con Marcello Giuliani e Mark Erbetta, aos que se sumou o teclista Benoît Corboz.

As entradas para este concerto, a un prezo de 18 euros (15 no anfiteatro), poden mercarse en Novagaliciabanco, nas billeteiras do Principal de 18:00 a 21:00 horas, Carrefour, FNAC, Halcón Viaxes, Tendas Tipo, e toda a rede de Ticketmaster.

Compartir: