CULTURA

A Banda Municipal celebra outro concerto do ciclo de Novos Intérpretes Galegos

17/02/2012 A Banda Municipal de Música de Santiago celebra o domingo 19 un novo concerto do ciclo de Novos Intérpretes Galegos, unha das novidades máis interesantes da programación 2011-2012. Este ciclo inclúe sete concertos nos que a Banda Municipal contará ao longo de toda a tempada con sete solistas diferentes.

Trátase de sete mozos galegos con idades comprendidas entre os 15 e os 25 anos e que están levando a cabo os seus estudios musicais tanto en Galicia como no estranxeiro. Se na anterior ocasión tivemos a oportunidade de escoitar un instrumento pouco usual como solista, como é o caso da tuba, neste concerto escoitaremos como solista unha marimba, actuando como solista Jorge Alberto González-Reynoso Sarabia.

Jorge Alberto González-Reynoso Sarabia comeza os seus estudos musicais con 12 anos no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra, adiantando varios cursos no primeiro ciclo, onde recibe clases dos mestres: Miguel Castro, Pilar García, Jorge Pérez, Martirio Domenech e Juan Collazo. En 2004 pasa a formar parte da Banda de Música Xuvenil de Barro, actuando en varias ocasións como solista. En 2006 ingresa na Banda de Música de Pontevedra, interpretando coa devandita agrupación concertos solistas e obras para grupo de percusión e banda. Colabora habitualmente coa Orquestra Sinfónica Cidade de Pontevedra.

Estivo baixo a batuta de diversos directores: Jan Cober, Jan Van Der Roost, Hardy Mertens, José Rafael Pascual Villaplana, Maximino Zumalave, Miguel Etchegoncelay, Xosé Carlos Seráns, José Luis Represas, Juan Lois Diéguez e Javier Viceiro, entre outros. Asistiu a cursos de especialización con: Manel Ramada, Diego Ventoso, Raúl Benavent, Roberto Oliveira, Guido Rückel, César Peris, Nuno Aroso, Ton Martínez-Risco, Joan Soriano, entre outros. Dende o curso 2006-2007 ata o curso 2009-2010 impartiu clases na Escola Municipal de Meis, dende o curso 2008-2009 ata o 2010-2011 na Escola de Música de Barro e o curso 2010-2011 na Escola de Música Municipal de Caldas de Reis.

Remata o Grao Medio no ano 2009, e nese mesmo ano ingresa no Conservatorio Superior de Música de Vigo. No ano 2010 ingresa na Escola de Altos Estudios Musicais da Real Filharmonía de Galicia e colabora coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela. En 2012 ingresa como percusionista reserva na Gustav Mahler Jugendorchester (GMJO). É alumno do Conservatorio Superior de Música de Vigo, cos profesores Carlos Castro e Vicent Grau. Actualmente estuda no Conservatoire National de Strasbourg cos profesores Emmanuel Séjourné, Stephan Fougeroux e Denis Riedinger, onde tamén estuda dirección con Miguel Etchegoncelay

Programa do concerto, ás 12:00 horas, no Teatro Principal, con entrada de balde:
- Santander (pd), de E. Rosillo.
- Cleopatra (abertura), de L. Mancinelli/X C. Seráns.
- *Concerto para Marimba, de E. Séjourné/X. C. Seráns.
- *Steeps by Starligth (suite), de T. Kushida.
- *Non chores Sabeliña (selección), de G. Freire.

*Estas obras son interpretadas por primeira vez pola Banda Municipal.

Compartir: