ALCALDÍA

O alcalde reitera a súa aposta por converter Santiago no eixe das comunicacións de Galicia para así competir con Porto

17/02/2012 Unha aposta estratéxica e en clave galega. Así cualificou o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, a iniciativa de conectar o aeroporto de Lavacolla co AVE. O obxectivo, reiterou unha vez máis, é converter Santiago no "eixe das comunicacións de Galicia", o único modo de que unha terminal galega poida competir coa de Sá Carneiro (Porto).

"Imos a seguir loitando por este proxecto, que ten todo o sentido dende o punto de vista técnico, de estruturación territorial de Galicia, de intermodalidade dos transportes e de comarcalidade", indicou. Para Conde Roa, este é un proxecto que "beneficia a toda Galicia" e "non podemos permitir que ningún aeroporto galego quede sen conectar co AVE". E ante isto, explicou, "Lavacolla reúne as mellores condicións para ter esa conexión".

O obxectivo a medio prazo é "competir con Sá Carneiro en condicións de igualdade dentro duns anos", engadiu. O rexedor municipal afirmou que este plantexamento é o "camiño correcto" e que supón "adiantarnos ao que virá nos vindeiros anos e a prepararnos para a saída da crise".

Conde Roa recordou as baixadas no número de pasaxeiros rexistrada en Peinador e Alvedro "malia percibir subvencións", pero afirmou non alegrarse deste feito: "Se Peinador ou Alvedro teñen éxito será porque vai ben o seu tecido económico e iranos ben a todos os galegos. Eu desexo o mellor para os outros dous aeroportos, pero que non discutan nos nosos proxectos como eu non discuto a ampliación de Alvedro ou Peinador. Que me deixen traballar".

Mantemento da estación actual
Na rolda de prensa quixo aclarar que este proxecto non supón acabar coa actual estación, recordando a defensa que el mesmo ten realizado deste infraestrutura dende hai anos. "Queremos potenciala, para que ademais de estación do AVE sexa estación de cercanías", indicou.

Tamén explicou que "seguirá habendo estación de autobuses na cidade". Pero apostou porque determinadas liñas de longo alcance poidan parar no aeroporto e logo chegar á estación de autobuses en Santiago. Puxo como exemplo a procedente de Lugo, por ser esta unha cidade que non ten conexión ferroviaria con Santiago.

Finalmente, o alcalde agradeceu ao presidente da Xunta a súa valoración deste proxecto. "Para min supón un respaldo que agradezo de todo corazón; eu creo que el me entende", apuntou.

Compartir: