ALCALDÍA

O Eixo Atlántico crea unha comisión para impulsar a intermodalidade entre as infraestruturas de transportes da Eurorrexión

16/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asistiu á XVII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, celebrada en Monte de Santa Luzia, Viana do Castelo (Portugal). A entidade deu o visto bo a unha proposta súa de constitución dunha comisión para impulsar a intermodalidade na Eurorrexión.

A Asemblea aprobou por unanimidade, a instancia do alcalde de Santiago, a creación dunha comisión que presente un paquete de medidas que discutir cos gobernos para impulsar a intermodalidade entre as principais infraestruturas de transportes da Eurorrexión: trens, portos e aeroportos, por tratarse, non só dun mandato da Comisión Europea, senón dun elemento estratéxico clave para a competividade económica.

Igualmente, comunicouse que no prazo de tres meses estará dispoñible unha avaliación actualizada do desenvolvemento do mapa de infraestruturas que será debatido nunha reunión de carácter extraordinario á que se convocará a representantes da Xunta de Galicia e dos gobernos de España e Portugal, así como a líderes sociais, económicos e académicos da Eurorrexión para debater sobre a situación da mesma e propor medidas conxuntas que contribúan ao seu relanzamento económico. A devandita reunión celebrarase, previsiblemente, no ultimo trimestre do ano.

Solución ás peaxes
Por outra parte, o secretario de Estado adxunto de Economía de Portugal, Antonio Almeida Henriques, deixou aberta a vía para a solución do problema das peaxes nun breve espazo de tempo. Neste sentido, explicou algunhas das medidas que entraron veñen de entrar en vigor, como o sistema de bonificacións para os transportistas, e informou de que estaban moi avanzados os traballos para que no próximo Cumio Ibérico se aprobe a interoperatividade dos dispositivos, tal como o Eixo Atlántico vén pedindo dende hai meses.

O secretario de Estado portugués foi informado polos alcaldes de que o sistema de tícket por Internet para viaxes esporádicas e os postes, tamén por Internet, colocados nalgúns puntos da fronteira, non só non dan resposta ao problema, senón que a maior parte das veces non funcionan. O dirixente luso comprometeuse a transmitir ao secretario de Estado de Transportes e ao ministro de Economía estas posicións e a buscar rapidamente unha solución que puidese estar en marcha para as vacacións de Semana Santa, incluíndo a posibilidade dunha experiencia piloto para testar as propostas que se lle fixeron dende o Eixo Atlántico.

Noutra orde de cousas, a Asemblea Xeral fixo unha declaración pública de homenaxe a Manuel Fraga Iribarne, Medalla de Ouro do Eixo Atlántico, polo seu traballo na construción da Eurorrexión.

Por ultimo, aprobouse o informe de xestión e o programa e orzamento da entidade para 2012, que alcanza os 4,3 millóns de euros.

Compartir: