CULTURA

Leilía e Diamond Dogs, novas citas musicais

16/02/2012 A programación da Concellaría de Cultura segue a ofrecernos calidade e diversidade. Así, as seguintes citas no eido musical serán os concertos de Leilía e de Diamond Dogs. O venres 24, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia, Leilía presenta o seu último traballo, ConSentimento, dentro do ciclo Sons 2012. E o sábado 25, na Sala Capitol, poderemos escoitar aos Diamond Dogs, acompañados dos Sugar Mountain, a partir das 20:30 horas, nunha nova cita co Compostela Rock.

ConSentimento é un homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral galega. Un agradecemento personificado na figura de Eva Castiñeira, unha cantadora, unha pandereteira, unha muller como tantas e tantas mulleres que dende case o anonimato sementaron a nosa terra de arte, cultura e beleza.

Coa inestimable colaboración do músico e arranxista compostelán Xoán Porto, Leilía propón neste quinto traballo unha concepción musical acorde a unha nova realidade. Un disco no que apenas tres instrumentos: guitarra, acordeón e contrabaixo, abrigan á perfección a beleza do canto tradicional os versos de varias das mellores poetas galegas da actualidade: Ana Romaní, Yolanda Castaño, Eva Moreda, Mariña Pérez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre. O deseño do espectáculo corre por conta doutro dos grandes profesionais da escena galega: Quico Cadaval.

Neste ano 2012 os suecos Diamond Dogs cumpren vinte anos de carreira e celébrano facendo o que mellor saben facer: tocar cancións de rock ‘n’ roll. Un novo disco e un concerto en DVD son os seus compañeiros nesta xira que os levará por medio mundo para demostrar por que son unha das mellores bandas de boogie rock de todos os tempos. Set Fire To It All é o título do seu novo álbum, no que podemos atopar colaboracións de membros de bandas como The Hellacopters, Dogs D’Amour, Johnny Thunders, Ian Hunter ou Hanoi Rocks. Con el demostran unha vez máis por que son un dos alicerces base do rock escandinavo.

Sugar Mountain está formado por Yago Carreño (guitarra), Isaac Campos (órgano & pianos), Rubén Álvarez (baixo), Gonzalo Arca (voz), Laura Solla (guitarra) e Iván Trigo (batería). Presentan neste concerto en directo un amplo repertorio no que aparecen cancións do seu tres discos e novas cancións do que será a súa próxima gravación. Sons de raíces americanas aderezados con guitarras acústicas, riffs de guitarra eléctrica e unha base rítmica compacta.

Venda de entradas
As entradas para o concerto de Leilía, a 10 € de prezo único, poden mercarse en Servinova, na billeteira do Teatro Principal e na do Auditorio o propio día do concerto. As de Diamond Dogs en www.ticketmaster.es, Carrefour, Fnac, Halcón Viajes, Tendas Tipo, A Reixa Tenda, www.salacapitol.com e tamén na billeteira do Teatro Principal. O prezo é de 15 € + gastos de forma anticipada e de 18 € o día do concerto.

Compartir: