CULTURA

Circio presenta a súa primeira produción, "Baile de soños", no Teatro Principal

16/02/2012 Circio, compañía de música e danza de nova creación dirixida por Manuel Cobas, presenta o seu primeiro espectáculo Baile de soños no Teatro Principal. Será o venres 17 de febreiro a partir das 21:00 horas.

A compañía está formada por cinco bailaríns e seis músicos de diferentes partes de Galicia que traen ás táboas do Teatro unha viaxe ao mundo dos soños con música en directo. As entradas, 10 € a xeral e 6 € no anfiteatro, poden mercarse na web de Novagaliciabanco ou na billeteira do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas.

Baile de soños, primeira produción de Circio, é un espectáculo con música en directo, onde se narra a historia dunha nena que viaxa nos seus soños a un mundo fantástico de música e danza, mesturando sentimentos de ledicia e tristura. O amor e o desamor flúen a través das melodías creadas polos músicos ao mesmo tempo ca uns monicreques bailan ao cobraren vida. Quen non soñou con bailar...? Ás veces os soños só se cumpren nos propios soños...non deixes que isto suceda: fai realidade o teu...

Circio é unha compañía de música e danza aberta a novas formas de expresión que fusiona a danza e a música tradicional con outros estilos. É unha compañía de nova creación, polo que a súa traxectoria podería basearse na experiencia artística diversa dos seus compoñentes, cinco bailaríns e seis músicos procedentes de distintas partes de Galicia (Ourense, Santiago de Compostela, Betanzos, Pontevedra, Vigo, Cangas e Moaña).

Compartir: