PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O Meco do Entroido é un ano máis unha alegoría sobre a situación económica

16/02/2012 O concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya, presentou o Meco do Entroido 2012. Un ano máis, o boneco é unha alegoría da actual situación económica e representa todos os seus males. O mércores 22 arderá na praza Roxa.

O autor do Meco volve a ser Xosé Manuel Méndez, quen indicou na rolda de prensa que o boneco deste ano leva uns globos que representan a suba dos impostos, dos prezos e da inflación. O Meco, sobre unha columna grega e co emblema da riqueza na súa chistera, representa todos os males.

Explicou tamén o proceso de elaboración do Meco, que comeza cun bosquexo que se presenta ao Concello. Recibido o visto bo, realiza unha maqueta que vai tallando ata lograr o boneco final, que pensa uns 30 quilogramos. Está feito con materiais de rápida combustión e autoextinguibles.

O mércores 22, o Meco sairá en procesión dende a praza do Toural, onde estará dende o día 18. Tras percorrer as rúas de Compostela acompañado de comparsas e participantes en rigoroso loito, o Meco arderá na praza Roxa.

Convite a participar
O concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya, convidou os composteláns a participar nas diferentes actividades, das que fixo un repaso. Referiuse ao festival infantil de disfraces previsto para o domingo 19 na Sala Capitol. Neste caso agradeceu a implicación do club Lobelle de Santiago, que agasallará aos participantes con entradas para o seu vindeiro partido.

En canto ao desfile do martes 21, indicou que xa hai 10 carrozas e 12 comparsas inscritas. O prazo para anotarse estará aínda aberto ata o luns 20 ás 14:00 horas. En especial, destacou a implicación de centros socioculturais e asociacións veciñais no desfile. Vite, Villestro, Figueiras, Conxo, Marantes, Busto, A Peregrina ou Grixoa, entre outras, xa teñen confirmada a súa participación.

Documentos relacionados



Compartir: