DEPORTES

A afección compostelá deu o seu alento á Selección Española de fútbol feminino na súa victoria por 4-1 ante Austria

15/02/2012 O Estadio de San Lázaro acolleu o partido internacional de fútbol feminino entre España e Austria. O combinado español contou co alento dun bo número de afeccionados, que puideron gozar da victoria de España por 4-1.

A Selección Española puido remontar o gol inicial de Austria co que rematou a primeira metade. Na reanudación, marcaron Sonia, Marta Torrejón, Priscila e Willy. Dous dos tantos naceron a pase da compostelá Verónica Boquete, unha das protagonistas do encontro e a que máis aplausos recibiu da grada.

O partido, que foi retransmitido por Marca TV, contou coa presenza no palco, entre outros, do alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e do secretario de Estado para o Deporte, Miguel Cardenal. Este, no seu primeiro acto tras tomar posesión do cargo, felicitou ao Goberno municipal pola súa aposta polo deporte feminino e polo seu fomento do deporte de base.

Xunto a eles estiveron outros membros da Corporación, representantes das federacións española e galega de fútbol e diversas personalidades vinculadas co mundo do deporte.

Bandeira do xogo limpo e exposición de fotos
Oito rapaces e rapazas pertencentes a clubs de fútbol de Santiago portaron a bandeira do xogo limpo antes de iniciar o partido, e outros oito desfilaron no campo coas enseñas española e austríaca. Ademais de coa presenza destes nenos, o fútbol da cidade estivo visible a través da exposición de fotografías que se ubicou na zona do palco. Unha mostra de imaxes permitiu percorrer coa vista os primeiros anos deste deporte en Santiago, cunha selección de fotos dos anos trinta, corenta e cincuenta cedidas por varias entidades deportivas da cidade.

Compartir: